Por Europa Press / Redacción | CORUÑA, A | 16/12/2019 | Actualizada ás 13:27
A deputada do Grupo Común da Esquerda, Paula Quinteiro, acusou o PP de pretender "desmantelar" os Centros de Orientación Familiar (COF) tras denunciar a ausencia de reposición de prazas de xinecoloxía nos da Coruña e das de matrona "sen estabilizar".
Nunha comparecencia xunto á portavoz muncipal de Marea Atlántica, María García, Paula Quinteiro anunciou a presentación dunha proposición non de lei no Parlamento galego para denunciar a situación destes centros, que atenden na área sanitaria coruñesa a mulleres duns 40 concellos, segundo explicaron.
"Non se están repondo as prazas de xinecoloxía e tampouco se estabilizan as de matrona", asegurou Paula Quinteiro, quen engadiu que "tampouco se cubriu a praza de auxiliar de clínica do COF do Ventorrillo".
"Non entenden nin defenden os dereitos das mulleres", asegurou en referencia ao PP a deputada do Grupo Común da Esquerda, quen cualificou tamén de "inaceptable" a decisión inicial de pechar o paridoiro de Verín. Desta instalación, dixo que "se se abre a porta á rectificación, sería unha decisión favorable e unha vitoria das traballadoras e do movemento feminista".
COF DE ORILLAMAR
Mentres, sobre o caso concreto do COF de Orillamar, na Coruña, cualificou de "preocupante" a súa situación. "Só en outubro 68 mulleres estaban sen atender, as mesmas en novembro", expuxo, sumando a iso o feito de que "só quede unha praza de xinecoloxía". "E para o ano prevese a xubilación desta profesional", apostilou.
Por iso, pediu que se "repoñan as prazas", á vez que denunciou que a tendencia é "o desmantelamento xeral dos COF" en toda Galicia, vinculando esta situación cunha decisión "ideolóxica" e nun contexto de "non consolidar prazas" nos servizos sanitarios.
Pola súa banda, a portavoz municipal de Marea Atlántica, María García, anunciou que tamén presentarán unha iniciativa no próximo pleno sobre a "crítica situación" dos COF na cidade.
"A praza de xinecoloxía do COF do Ventorillo non se renovou desde fai sete anos e pretendeuse centralizar en Orillamar, pero tampouco se renovou a de xinecólogo vacante desde marzo e a temporalidade é inasumible no servizo de matronas", remarcou a edil, quen denunciou "a deterioración dun servizo imprescindible".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.