Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 23/12/2019 | Actualizada ás 22:02
A socialización do Apalpador como personaxe do Nadal vinculado aos nenos supón a recuperación dunha figura que só sobrevivía con certa folgura na parte oriental de Galicia. Logo dunha serie de traballos de investigación, esta figura mítica vai collendo corpo pouco a pouco fronte as figuras de Reis Magos ou Papá Noel, vinculadas uns á relixión e o outro á parte do Nadal máis comercial. É por iso que algunhas voces desde o mundo da educación, a antropoloxía e a cultura, consideran o personaxe do Apalpador como unha opción que se aparta das outras dúas, creando un novo espazo para os máis pequenos.
ENCONTRO CO APALPADOR
Pero, como xorde esta persoaxe mítica do Nadal galego?. A Asociación cultural Gentalha do Pichel recolleu unha conversa con José Lôpez, antropólogo galego que deu co personaxe do Apalpador nunha visita ao Courel, de onde era a súa parella. Despois de escoitar nunha casa a unha muller chamada Amadora do Galego que “hai que preparar as cousas para o Apalpador” Lôpez comezou a recopilar cantigas sobre este ser que vivía nas devesas, contrastando e recompilando a memoria oral que aínda quedaba sobre este personaxe.
Logo da publicación dun artigo de Lôpez no Portal Galego da Lingua sobre as súas pescudas no Courel, a asociación de Santiago de Compostela Gentalha do Pichel comezou a popularizar o Apalpador. “Do que foi unha investigación antropolóxica ao que é hoxe en día, o que considero máis importante é ese momento en que planifica a acción de socializar o Apalpador” di o autor Sechu Sende.
Ademais de buscar un deseño que puidese ser aceptado pola sociedade galega contemporánea e tamén dirixido aos nenos e nenas, a volta do Apalpador tiña que ter “unha serie de valores fronte aos personaxes máis convencionais do Nadal como son os Reis Magos ou Papá Noel”. Primeiramente, houbo que explicar as orixes facendo ver que estaba vinculado ao mundo rural, sobre todo o que estaba ligado á parte oriental de Galicia. Os lugares onde pervivían as tradicións ligadas a esta figura incluían O Cebreiro, Lóuzara, Monforte e O Courel sobre todo.
Con todo, e como explica Sende, o Apalpador non tiña que ser “identificado con presentes do mercado capitalista, senón con presentes feitos a man ou do comercio local de proximidade”. Por outra parte, a socialización do Apalpador tamén trouxo o feito de non ser unha figura relixiosa. Desta maneira quitaríaselle a carga relixiosa que si teñen os Reis Magos.
ORIXES
A figura dun home que baixa das devesas, de corpo grande e que facía carbón ademais de levar un toro de leña canda el, foi recollido por varias tradicións. O doutor en Arqueoloxía e História Antiga e Decano do Instituto Galego de Estudos Celtas, André Pena Granha, di que o Apalpador tiña en común co Olentzero vasco o feito de ter 365 ollos, 366 se é ano bisiesto, un por cada día do ano.
"A figura está compartillada entre vascos e galegos, por que?, ben porque antes da chegada dos vascos, existían outros pobos que falaban linguas celtas”. A isto, Pena Granha engade que “eses pobos eran bárdulos, caristios e autrigóns, que tiñan os mesmos costumes que os habitantes do noroeste penínsular”. O que quere explicar Pena Granha é que os primixenios habitantes desa zona transmitiron uns mitos antigos entre os que estaba o do Apalpador ou Pandigueiro, como din en Terra de Trives e o Olentzero vasco.
“O Apalpador está nos mitos galegos que xa recollía Antonio Reigosa, no seu libro dos seres galegos imaxinarios” sinala Sende. O investigador Xesús Taboada Chivite mencionaba o rito de apalpar as barrigas nos seus estudos antropolóxicos. Tamén existe a teoría de que o Apalpador era unha figura común en toda Galicia ata que foi recuando cara as montañas orientais.
TRABALLO DE INVESTIGACIÓN
Persoas vinculadas á Gentalha do Pichel comezaron a gravar a xente maior nas zonas onde aínda quedaba memoria do Apalpador. O obxectivo era dar credibilidade a este ser mitolóxico. “Quería mostrarse que era unha presenza viva” di Sechu Sende.
A recollida de testemuñas en vivo, gravalas para demostrar que era un mito real, non inventado, serviu tamén para recuperar cantigas sobre o personaxe e coñecer que o regalo de Nadal para os nenos e nenas eran castañas, ningún outro presente.
O que tamén se considera importante, é transmitir ás novas xeracións que a socieadade agraria celebraba a chegada do solsticio de inverno, tal e como se recuperan outras celebracións que se como é o samaín, o solsticio de verán. “Tal vez o máis importante é que se fai sen apoio institucional, desde abaixo, desde un movemento social, coincidimos cunha serie de valores do Nadal que representa o Apalpador” declara Sende.
A polémica sobre esta figura do Nadal apareceu cando algúns sectores políticos e sociais, consideraron que era unha copia do Olentzero vasco. Tamén se apuntaron críticas desde o galeguismo, pois ao non estar mencionado pola Xeración Nós, a súa existencia era dubidosa. As persoas que traballan sobre a figura do Apalpador, defenden o seu labor científico de investigación, porque consideran que aínda queda moito patrimonio por recuperar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.