Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2019 | Actualizada ás 18:55
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, defendeu que o executivo do que forma parte cumpre coa recomendación da Comisión Europea de que a transición enerxética e o peche de plantas contaminantes "non xere impacto no emprego".
Así respondeu o titular de Economía da Xunta a unha pregunta formulada polo deputado de En Marea Pancho Casal sobre as actuacións de futuro nas zonas afectadas polo peche das plantas térmicas de carbón de Endesa en Meirama e As Pontes.
"Este goberno non vai tolerar que se faga unha transición enerxética desordenada e inxusta", manifestou Conde, que acusou a En Marea de ser "instigadores dun peche acelerado" das centrais. "E agora queren xustificarse cando hai 700 familias preocupadas polo seu futuro", incidiu.
"A propia Unión Europea debe avaliar os impactos sociais que pode ter esas decisións (peche de centrais) e protexer o emprego e a industria. O que non imos aceptar é pensar no futuro abandonando o presente", remarcou Conde.
Así mesmo, cuestionado polos avances cara á descarbonización da economía galega e a transición enerxética, o conselleiro remitiuse ao acordo asinado a pasada semana entre o Goberno autonómico e os sindicatos CC.OO. e UGT, que inclúe a posta en marcha de proxectos piloto para "responder ás novas tendencias enerxéticas" e a creación dunha estratexia de reindustrialización para as comarcas afectadas polo peche das plantas de carbón.
GRUPO MIXTO
Pola súa banda, o parlamentario de En Marea Pancho Casal lamentou que a Xunta se aliñe coa postura de Polonia, país que no pasado Cume do Clima "foi dos que máis se opuxo a pechar as centrais de carbón", algo que é "ineludible".
Por iso, instou ao Executivo autonómico a "fixarse" nas "experiencias de éxito" postas en marcha en rexións como Ontario (Canadá), que clausurou o seu cinco plantas térmicas de carbón desde o ano 2009. "Hai que pór en marcha un novo modelo de desenvolvemento máis sustentable e máis participativos", incidiu Casal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.