As persoas sen fogar, as vítimas invisibles do inverno e dos seus temporais

As persoas sen fogar sufren máis os temporais e vagas de frío que chegan en inverno, por iso os escasos refuxios que encontran nesta época están case sempre cheos. A única solución para evitar isto é crear un maior número de vivendas ou abrir aquelas que están baleiras para as persoas vulnerables.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 20/12/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A situación meteorolóxica vivida en Galicia nas últimas semanas acende tamén as alarmas sobre que está a suceder coas persoas que viven na rúa. Moitas destas persoas son usuarias de albergues, servizos municipais de axuda ás persoas sen fogar e iniciativas de ONGs. Aínda así, o sistema de protección para a xente sen fogar necesita desenvolver novas fórmulas que permitan unha mellor atención a este colectivo.

Persoa sen fogar
Persoa sen fogar | Fonte: plataformavoluntariat.org

A falta de vivenda é o problema máis grave que afrontan estas persoas. Algunhas solucións transitorias que serían doadas de levar adiante, vense freadas pola falta de solidariedade dalgúns sectores socioeconómicos. En paralelo, uns prexuízos case que imposibles de eliminar, axudan a que o problema se agrave máis.

O INVERNO, UNHA ÉPOCA DURA

A chegada do inverno é o momento do ano en que os refuxios ou albergues para persoas sen fogar están ata o límite ou case. O maior número de persoas usuarias está en áreas urbanas, porque son as que, en principio, poderían ofrecer máis oportunidades laborais. Por outra parte, a falta de recursos económicos abondos non lles permite o acceso ás veces a algúns elementos necesarios como son mantas, roupa e comida quente polo menos unha vez por día.

O problema é máis agudo cando se declaran ondas de frío ou épocas de temporal. Os servizos de acollida deben ampliar as súas instalacións polo maior número de persoas que acoden a estes refuxios. Outra vía para poder refuxiar esta xente durante as épocas invernais máis duras son os convenios entre concellos e por exemplo pensións, onde os e as usuarias poderían pasar a noite polo menos mentres dure a situación de risco por frío ou mal tempo.

Mais os diferentes protocolos de actuación por parte dos concellos, que son as administracións con competencias neste terreo, poden variar dun a outro. É por iso que se está estudando a unificación de criterios, sobre todo entre as grandes cidades en Galicia, para poder ofrecer unha resposta conxunta para afrontar os momentos de inclemencias adversas.

QUEN E COMO ACTÚA

Son varios os concellos que asinaron no seu día convenios de colaboración con diferentes ONG para atender á xente sen fogar, incluíndo as situacións de emerxencia por mal tempo. O habitual é que existan equipos formados entre a administración local, Portección Civil, as ONG, o 112 e outras institucións. “A iniciativa en grandes cidades debera ser pública, en Santiago a Concellaría de Servizos Sociais mantén reunións con Protección Civil, ONG e outros organismos” di Íñigo Arranz de Cáritas Diocesana de Santiago. “Ás veces as cuestións son difíciles de resolver porque cando un lugar que podería ser utilizado para gardar polas noites xente sen fogar, o titular dese espazo di que o necesita baleiro por se ten algunha emerxencia”.

Os convenios entre concellos, Xunta e organizacións non son todo o suficientes que poderían ser. “Os recursos poden ser mellorables, aínda cos convenios asinados entre as administracións e organizacións, mais a situación ten mellorado en canto a atención ás persoas vulnerables” di Javier Varela, coordinador de Cruz Vermella en Galicia. “Durante os últimos anos temos saído con equipos municipais en diferentes cidades todos os días”. A maioría de elementos cos que se atende á xente neste tipo de situacións é levando roupa, sacos de dormir, comida e bebida quente.

“En Cáritas normalmente hai parroquias que abren espazos para a xente sen fogar” di Íñigo Arranz, “mais o procedemento é que as seccións interparroquiais chamen á dirección e desde aí nos comunicamos coas autoridades para avisar que estamos actuando”. Tamén hai concellos que toman a iniciativa directamente como é o caso da Coruña, mentres que outros como Vilagarcía e Santiago buscan a creación de convenios coa Cruz Vermella e Protección Civil.

Os albergues, moitas veces levados por ordes relixiosas, teñen un número limitado de prazas. Ademais diso, como no caso de Santiago, as persoas usuarias poden pernoctar durante dez noites. Acabado ese período, non poderían acceder durante 30 días. En caso de que se declare unha vaga de frío ou de calor, a persoa usuaria pode acollerse a esa declaración para poder permanecer no albergue ata que remate a situación de emerxencia. O problema é que só hai 25 prazas dispoñibles.

A PERSOA USUARIA

As ideas preconcibidas sobre as persoas sen fogar perviven no seo dunha sociedade que aínda sente os efectos da crise económica. Unha boa parte destas persoas non conseguen encontrar un traballo que lles permita vivir con dignidade. Outras romperon lazos coa familia ou directamente non teñen debido a diversas cuestións, entre elas poden estar as diferentes adiccións ou mesmo problemas de saúde mental.

Todas as peroas que viven na rúa pasaron por situacións de violencia” di Javier Varela. “Esa xente non está aí porque queira, hai unha situación vital detrás que os empurrou a acabar na rúa”. A maioría destas persoas como sinalan desde a Orde Franciscana que leva o Albergue de Santiago “perden habilidades sociais polo extremo da súa situación e iso tradúcese en maior dificultade para encontrar traballo por exemplo”.

A suma de complexos, ideas preconcibidas, medos e mesmo a “aporofobia”, está moitas veces detrás de comportamentos que impiden solucións, polo menos momentaneas, ao problema da xente que vive na rúa. “En Santiago tentouse por parte do Concello conveniar con pensións para que estas persoas puidesen durmir un tempo baixo teito, mais non houbo resposta positiva” sinala Arranz.

A única solución posible para evitar situacións dramáticas entre as persoas que viven na rúa, sobre todo en época invernal, é abrir vivendas. A presión do turismo para alugar durante o verán, ou a restauración e reconversión en hoteis etc., impide en moitos casos dar unha saída digna ás persoas sen teito.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 CaselaoPaSogama

Os pobres non votan. A colaboración de entidades privadas como Caritas, Fundación Amancio Ortega, Fillas da Caridade, Hogar de Sor Eusebia, cociñas económicas, etc é moi de agradecer. Pero ao igual que se constrúen hospitáis ou residencias de maiores tamén tiña que ser obriga da Xunta ou dos concellos ter residencias de transeúntes. Os concellos, cando pasan de certo número de habitantes están obrigados a ter biblioteca pública. Non é normal que os transeúntes estén atendidos por entidades privadas, ou que sexa Amancio Ortega quen ten que construir una residencia de transeúntes na Coruña. Nesta cidada a Xunta tiña un comedor social, a Cociña de Hermandade, que databa de tempos do Franquismo. Extinguiuse o arrendamento, tiveron que deixar o local, e non abriron outro comedor... É inaceptable a desatención a esta parte da poboación.

1 Gamela

Ás veces existiron institucións "privadas" que tiñan digamos unha vocación de servizo público como sucedeu en Vigo coa orde dos Irmáns Misoneiros dos Enfermos Pobres (pero mira se serán apetecibles estas organizacións que hoxe están sendo capitalizadas polos cartos públicos pero a propiedade privada recorta servizos gañando cartos) https://flic.kr/p/RboG8y En resumo viven dos pobres pero non traballan para os pobres!

1 Gamela

En Vigo temos un alcalde que bate o récord da miseria (en febreiro fanse 3 anos acampados ás portas do Concello!) e ninguén mira para eles, Abel conseguiu a milagre de convertelos en INVISIBLES! Vigo carecerá de DIGNIDADE mentras non teña vergoña de manter esta situación 3 anos sen volver a cara siquera para coñecer o problema! Pero existen outras forzas no Concello que non foron quen de sacarlle ás cores ao mediático alcalde, nin medios de comunicación que o puxeran contra a parede desta triste REALIDADE! https://i.gal/gamela19