A familia de José Couso acode ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos para que se reabra o caso

Presenta recurso contra a sentenza do Tribunal Constitucional que confirmou o arquivo da causa pola morte do cámara galego, asasinado polo Exército estadounidense en Bagdad.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 23/12/2019 | Actualizada ás 16:16

Comparte esta noticia

A familia de José Couso presentou este luns no Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) un recurso contra a sentenza do Tribunal Constitucional (TC) que confirmou o arquivo da causa polo asasinato do cámara galego de televisión o 8 de abril de 2003 en Bagdad, na guerra de Iraq.

José Couso
José Couso | Fonte: Cedida.

"A nosa pretensión é que o TEDH determine se a reforma da normativa española sobre xurisdición universal supuxo unha vulneración do Convenio Europeo de Dereitos Humanos", sinala a familia e a Asociación de Irmáns, Amigos e Compañeiros de José Couso.

Dita reforma "impediu seguir investigando e perseguindo un crime de guerra cometido contra un cidadán español e deixounos incapacitados para buscar xustiza ante este asasinato", engaden.

No escrito presentado no TEDH o avogado da familia de José Couso, Eduardo Gómez Cuadrado, recolle a exposición dos feitos. José Couso faleceu o 8 de abril de 2003 ao ser alcanzado o hotel de Bagdad no que se aloxaba con outros profesionais de medios de comunicación que cubrían a guerra de Iraq por un proxectil disparado por un carro de combate estadounidense.

A sentenza do TC confirmou o arquivo acordado no seu día pola Audiencia Nacional, que foi ratificado posteriormente polo Tribunal Supremo, da causa seguida pola morte de José Couso na que foron procesados tres militares estadounidenses por suposto delito contra a comunidade internacional.

Os órganos xudiciais españois fundamentaron o sobresemento na aplicación ao caso do disposto no artigo 23.4 da Lei Orgánica do Poder Xudicial na redacción dada pola reforma da norma aprobada en 2014 coa maioría absoluta do PP, que restrinxiu os supostos nos que os tribunais de España poden perseguir delitos de xustiza universal.

Este precepto en concreto establece uns requisitos para que os tribunais españois poidan perseguir os presuntos responsables de delitos contra as persoas e bens protexidos en caso de conflito armado cometido fóra do territorio nacional.

Eses requisitos son "que o procedemento se dirixa contra un español ou contra un cidadán estranxeiro que resida habitualmente en España ou contra un estranxeiro que se atopase en España e cuxa extradición fose denegada polas autoridades españolas".

A familia e a Asociación de Irmáns, Amigos e Compañeiros de José Couso lembran que "unha vez interposta querela ante a Audiencia Nacional o 27 de maio de 2003 foi admitida a trámite polo Xulgado Central de Instrución número 1".

"Ao longo destes dezaseis anos e oito meses sufrimos o continuo desprezo a través de arquivos, modificacións de leis orgánicas, exabruptos por parte de representantes políticos, traizón de membros do Goberno e desprezo de tribunais ante a procura de xustiza para un cidadán español asasinado no exercicio das súas funcións", engaden.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta