O Museo de Pontevedra presenta ao consello asesor que permitirá "unha maior independencia da institución"

Neste órgano estarán Beatriz Comendador, Kin Martínez, Lola Dopico, Menchu Lamas, Ramón Rozas, Teresa Táboas ou Xaime Toxo.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 26/12/2019 | Actualizada ás 18:16

Comparte esta noticia

O Museo Pontevedra presentou este xoves ao seu Consello Asesor, integrado pola arqueóloga Beatriz Comendador, o empresario das industrias culturais Kin Martínez, a directora da Escola de Deseño Téxtil e Moda de Galicia, Lola Dopico, a artista Menchu Lamas, o crítico de arte Ramón Rozas, a arquitecta Teresa Táboas e o pedagogo e escritor Xaime Toxo.

O acto de presentación desenvolveuse no Sexto Edificio coa presenza da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, o director do Museo Xosé Manuel Rei e a directora de xestión Sonia Mateos.

Xosé Manuel Rei destacou que os integrantes do Consello Asesor representan a sectores "moi diversos" da sociedade e teñen unha ampla traxectoria profesional. Este órgano reunirase de forma periódica (como mínimo dúas veces cada seis meses de maneira ordinaria) para falar de como afrontar os proxectos, a xestión e o funcionamento da institución museística. O seu obxectivo final é consolidar o liderado do Museo de Pontevedra en Galicia e avanzar cara a unha maior proxección exterior.

O vicepresidente Mosquera, responsable político do Museo, sinalou que todos os seleccionados fórono polo seu currículo e valía individual e non por ser representantes de institucións, ademais de remarcar que "son persoas relativamente novas fronte á tendencia a que haxa carga excesiva de idade". A todos eles agradeceulles "o compromiso, e o entusiasmo".

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, reparou no número de mulleres presentes no Consello Asesor, facendo posible que se combinen as "miradas feminina e masculina" e tamén a "ampla representación territorial", pois os integrantes proceden de diversos puntos da provincia e mesmo de fóra dela.

Pola súa banda, o director Xosé Manuel Rei comentou que, tradicionalmente, a existencia de órganos colexiados de carácter consultivo permitiu aos museos "superar unha dirección de carácter excesivamente personalista", sendo a día de hoxe unha figura presente na estrutura organizativa de todos os museos, ao estar considerada polos especialistas como unha "boa práctica" de xestión xa que asegura "conseguir unha maior independencia da institución fronte ao control político", entre outras vantaxes.

Museo de Pontevedra
Museo de Pontevedra | Fonte: xunta.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta