Por Europa Press / Redacción | Compostela | 28/12/2019 | Actualizada ás 00:22
O xerente do Hospital de Verín (Ourense), Miguel Abad, deixou este venres o seu cargo "de mutuo acordo" co Servizo Galego de Saúde por "motivos estritamente persoais", segundo confirmaron a Europa Press fontes da Consellería de Sanidade.
A dimisión de Abad chega tras o peche do paritorio do hospital galego pola falta de persoal. As dúas prazas de pediatría quedaran desertas, e a reapertura estaba á espera de que finalizase a convocatoria de persoal. Este mesmo venres, o Diario Oficial de Galicia certificou a saída de Abad coa convocatoria pública dunha praza de director para o distrito sanitario de Verín. Fontes da Xunta apuntaron que o período para a presentación de candidatos é de cinco días.
A polémica que rodeara ao centro hospitalario desatouse tras a decisión da Consellería de Sanidade de pechar o paridoiro para garantir a seguridade das nais e dos bebés, en contra dos que alertaban dos riscos de someter a unha embarazada a piques de dar a luz a desprazamentos de "unha hora ou máis en coche".
Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garantiu este luns que o paridoiro abrirá "en 24 horas" no momento en que haxa pediatras para atender aos recentemente nados e se conte co "visto e prace" da profesionais da área na materia. "Se non hai pediatras, abrilo sería tanto como dicirlle ás mulleres que poden ir parir a Verín, pero que aos seus nenos non imos atendelos no momento do parto", indicou Feijóo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.