Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 29/12/2019 | Actualizada ás 22:00
As drogas son ilegais nos Países Baixos, só está permitido consumir cannabis baixo leis restrictivas. Houbo países que seguiron o exemplo neerlandés ata certo punto, mentres que a maioría apostaba por penalizar tanto consumo como tenencia. Dentro deste contexto, naceron movementos favorables a retirar toda lei punitiva contra o consumo de certas drogas, sobre todo o cannabis. Esta substancia tiña o “apoio” científico de poder ser un elemento terapéutico contra a dor e o seu consumo como calmante foi legalizada nalgúns lugares.
AS DÚAS POSTURAS
A legalización podería aumentar o número de persoas consumidoras durante os primeiros anos. É a opinión do psicólogo Manuel Isorna, “cando se legaliza un produto este pasa a consumirse máis, se algo sabemos é que a prevalencia e a incidencia van ir en aumento sempre”. Como exemplo, Isorna pon o tabaco e o alcol, drogas legais e fiscalizadas. Sobre este punto incide Isorna para dicir “non existe un estado de legalización tal e como a xente pensa, senón que hai un estado de fiscalización”. Ninguén pode consumir tabaco ou alcol en determinados lugares, non pode beber ata certa cantidade se quere conducir, isto forma parte da fiscalización.
Carola Pérez, membro do Observatorio Español del Cannabis Medicinal, sinala que “o Observatorio reúne un grupo heteroxéneo onde hai desde políticos ata médicos, xente de moitos sectores”. Actualmente este colectivo está esperando a formación dun novo Goberno central para sentar con el e falar sobre a despenalización do cannabis para uso terapéutico. “Buscamos que a xente distinga entre o uso adulto ou recreacional fronte ao uso medicinal e terapéutico, porque as necesidades e a vía de administración son diferentes”. Carola Pérez di que despois de tres anos de traballo a porcentaxe de persoas a favor da legalización para uso medicinal pasou dun 50% a un 82%.
A fiscalización do cannabis segundo os defensores desta posición, podería traer unha serie de beneficios económicos que lle permitirían ao estado cubrir os problemas sanitarios derivados do uso de estupefacientes. “Aquí temos unha política totalmente liberal, onde ha xente crea un gasto, polo menos que contribúa” sinala Manuel Isorna. “Aí é onde baten as políticas de Uruguay, Países Baixos ou Canadá, os impostos frean a compra da marihuana e os traficantes porán o prezo por debaixo do mercado”. Outro punto que apunta o psicólogo e profesor é que o THC da droga legalizada é máis baixo que o da ilegal. Isto ten como consecuencia a busca de maior potencia para “colocarse”.
“Aínda que partimos da mesma planta, as urxencias e necesidades non son as mesmas” di Carola Pérez. “Hai persoas que buscan o pracer no consumo, mais as nosas urxencias fan que un médico nos diga se os pacientes son aptos ou non para o uso do cannabis”. Consultar cun médico, di Pérez, faise porque os compoñentes da planta poden interactuar con outras substancias. Para o uso terapéutico “necesitamos coñecer a cantidade de cannabinoides e o efecto sobre o doente”. Eliminando pois a parte lúdica, o consumo de cannabis “para nós é cuestión de vida ou morte porque somos persoas ás que as medicinas tradicionais non acabaron de darnos a calidade de vida que necesitamos”.
TURISMO CANNÁBICO E USO MEDICINAL
Os sectores contrarios a calquera tipo de apertura coas drogas, apuntan o “fracaso” do modelo neerlandés. Nacido case en paralelo á aparición da SIDA, descubriuse que algúns compoñentes da marihuana axudaban a abrir o apetito, cousa que paliaba ata certo punto o sufrimento das persoas enfermas. Así mesmo comezaban os rumores dos efectos tamén paliativos para doenzas como a esclerose múltiple.
“A marihuana dispensábase en farmacias, aínda así os consumidores ían fóra mercar a mesma droga con maior potencia” describe Manuel Isorna. “Facíano arredor dos coffee shops, onde o comercio non era legal”. Con estas medidas apareceu o “turismo do cannabis” con milleiros de turistas que deixaban ingresos grazas ao consumo da marihuana nos coffee shops. “Acturaron durante trinta anos, mais agora tomaron medidas como que só poden consumir cidadáns do país” destaca Isorna.
Carola Pérez, logo dun accidente é doente de dor neuropática. Cando tiña trece anos rompeu o coxis, con dezaoito foille retirado e leva xa trece operacións. “Desenvolvín adicción a medicamentos tipomórficos e antidepresivos”. Así pois, se se lle pregunta sobre as posturas contrarias ao uso legal como medicamento do cannabis, Pérez contesta que o modelo dos Países Baixos era un modelo para uso recreativo e que incitaba o consumo. “Nós falamos de ciencia, falamos de dereitos humanos e os países onde existe regulación para o cannabis como menciña, diminúe o consumo de opiáceos un 50%”.
Pérez sinala que o goberno de Amsterdam non recuou sobre o cannabis con uso médico. “Creo que as persoas que sinalan ese modelo só ven a parte recreativa e non a sanitaria”. Aínda así, fronte as posturas que defenden o cannabis medicinal, defensores da non legalización, din que abrir a porta á marihuana terapéutica sería abrir a porta ao consumo excesivo. “Iso non é certo, nun modelo de regulación a persoa consumidora estaría controlada pola Seguridade Social” di Carola Pérez. “Que un paciente comparta o seu cannabis para o tratamento con outra persoa, é cuestión de mala praxe do paciente e iso non sucederá, as persoas non comparten os seus medicamentos”.
“A finalidade sanitaria que buscaban os neerlandeses non se cumpriu e ademais tivo consecuencias moi negativas” di Manuel Isorna. En tal caso, e como se apuntaba xa ao comezo, a legalización traería un aumento no consumo, mais non acabaría por baixar co paso do tempo? “Si, chegaría a estabilizarse como sucede co tabaco, entre o 30 ou 35% da poboación acabaría sendo consumidora de marihuana” segundo Manuel Isorna, tendo en conta que é unha droga menos adictiva que a heroína ou a cocaína.
As posturas para defender ou non a legalización ou despenalización das drogas son moi antagónicas. O debate sobre se podería ser despenalizado o consumo con finalidade paliativa non encontra aínda suficiente eco na comunidade científica, mentres que usuarios da planta para combater a dor, afirman ter superado adiccións a medicamentos convencionais. Mesmo o modelo de referencia, Países Baixos, parece estar en cuestión.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.