Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/01/2020 | Actualizada ás 12:07
A asociación ecopacifista galega, Verdegaia vén de ter acceso á auditoría realizada pola empresa medioambiental Adantia, en relación ao funcionamento desa instalación. Nel aparecen recollidas "numerosas eivas que non parecen moi razoables nunha infraestrutura que leva tan pouco tempo en funcionamento". Entre elas, a existencia dun aliviadoiro de auga de orixe industrial que alivia á rede de saneamento urbana. Así, en tódolos documentos oficiais relacionados coa EDAR (Estación Depuradoradora de Augas Residuais) insístese en que esta está proxectada para auga urbana, e non para augas industriais.
En 2017, cando a empresa pública dependente da Xunta, Augas de Galicia sacou a exposición pública a Proposta de resolución de autorización de vertido para a EDAR, Verdegaia presentou alegacións. Unha delas facía referencia "á presencia de augas industriais na rede de colectores, augas que estaban provocando fallos de funcionamento das instalacións, así como cheiros continuados que provocaron -e seguen a provocar- as queixas da veciñanza", os cales xa se queixaron sobre o estado da depuradora durante o 2019.
A resposta de Augas de Galicia a esa alegación foi que “quedan fóra do expediente tamén
todas aquelas consideracións relativas ao saneamento do Polígono de Xarás, que non se atopa conectado á EDAR da que procede o vertido obxecto do presente expediente administrativo.” Desde un comunicado de prensa, Verdegaia asegura que "estes non deben ir á rede urbana"
Con todo, Adantia indica: “Trátase dun aliviadoiro de auga con orixe industrial que alivia á rede de saneamento urbana.” Sinálase tamén que tanto a temperatura dese vertido como a súa cor son claros indicadores da súa orixe industria", sendo, como argumentan coa gráfica, "unha vertedura sistemática".
Desde Verdegaia consideran "inaceptable que se estean producindo este tipo de vertidos, que comprometen o bo funcionamento da instalación". Ademais, pregúntanse "se Augas de Galicia e o Concello de Ribeira están consentindo na irregularidade e mirando para outro lado, ou están actuando de xeito neglixente na súa función de supervisar que se cumpra o establecido para eses vertidos".
Ditos alivios de augas residuais industriais, defenden desde a asociación en defensa do medio ambiente, "cargan os pasivos ambientais desas industrias sobre a cidadanía de Ribeira e o seu medio natural. Así, a cidadanía de Ribeira terá que pagar os costos do bombeo, depuración destas augas e mantemento dos equipamentos, e deberá soportar as consecuencias".
Verdegaia asegura que cómpre determinar quen autorizou esa “chave de paso” para que as industriais pasen ao sistema xeral, quen deu permiso para que o alivio de industriais á rede (que podería ser entendible como algo ocasional) se produza de maneira sistemática; e qué medidas se van tomar desde o Concello e desde Augas de Galicia para restituír a situación cara o cumprimento tanto da normativa como do recollido no proxecto e o día do mesmo. Advirten que "imos presentar cadanseu documento, tanto diante de Augas de Galicia como no Concello de Ribeira, solicitando que se establezan responsabilidades e se tomen medidas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.