Por X.A. Pérez-Lema | | 07/01/2020
Velaí a miña desconfianza de que cumpran a xeito os seus compromisos con Galicia, malia a boa xestión dos tempos e das-súas estreitas-oportunidades que ven de facer o BNG. Mais a coalición extremista das tres dereitas (nucleadas arredor de FAES e da Coroa) obrígame a lle dar a esta maioría (que non a este goberno) un voto temporal de confianza.
Por exclusión, certamente. Porque os discursos dos líderes da dereita extremista (Casado, Abascal e Arrimadas) amosaron o peor desa coalición entre o capitalismo castizo de amiguetes (o do BOE, o do palco do Bernabeu,. sempre refractario á libre competencia) e o que o profesor da USC Antón Losada, sempre acaído nas súas definicións, alcumou de patriotismo de puticlub. Como dixo aqueladamente Aitor Esteban (PNV) as dereitas extremistas españolas son como aquel home WASP (anglosaxón, branco e protestante) que manifestaba fronte ás minorías que USA era dos WASP e as minorías todas estaban de visita. Pois iso. Seica o Estado é deles e os demáis estamos de visita. Somos, pois, cidadáns e deputadas de terceira categoría. Para a tripla coalición da praza de Colón millóns somos malos españois e pertencemos á “cáscara amarga”.
Fronte esta visión patrimonial, clasista e catastrofista da vida pública, as esquerdas españolas haberán decidir o que queren ser de maiores. Se seguen xogar a medioñentos progres que lle mercan a idea da España nación única ás dereitas ou se decatan de vez que sen o concurso do soberanismo galego, catalán, vasco ou canario non suman para afirmar e aprofondar as liberdades que este día negou o tripartito das dereitas.
Porque, ao longo da historia das nacións e pobos do Estado español, o progreso canto ao recoñecemento da plurinacionalidade do Estado e do dereito ao autogoberno e á a libre decisión das súas distintas nacións foi sempre unido canda o progreso das liberdades e das políticas sociais.
Esta semana ábrese unha pequena xanela de oportunidade para que as esquerdas españolas, o progresismo territorial e máis os soberanismos galego, catalán e vasco poidan colaborar nun programa común para afondar nas liberdades e na democratización do Estado, pór a economía ao servizo das maiorías sociais e devolverlles ás nacións do Estado a capacidade real de autogobernarse e decidir o seu futuro.
Dende o fondo escepticismo deste desconfiado galego: vento nas velas…