Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/01/2020 | Actualizada ás 20:39
Un total de 240 pequenas empresas rurais galegas resultaron beneficiarias das axudas xestionadas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) nos últimos catros anos e dirixidas a subvencionar investimentos en actividades non agrícolas.
En total, estas beneficiarias recibiron os 8,8 millóns de euros de fondos públicos cos que se dotou esta medida no cadro financeiro do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.
Diso informou a Consellería do Medio Rural nun comunicado, no que sinala que estas subvencións tiveron un importante "efecto arrastre", xa que o investimento privado total para financiar as operacións foi de máis de 23 millóns.
Ademais, estas achegas permitiron a creación de 200 postos de traballo e a consolidación de máis de 1.900 empregos, que as empresas beneficiarias, de acordo coas condicións da convocatoria, comprométense a manter na súa totalidade durante un período mínimo de tres anos.
"Por tanto, cumpriuse así sobradamente un dos principais obxectivos da medida, que é o de manter e crear emprego en zonas rurais, unha finalidade que foi superada amplamente cuns resultados e uns cocientes excepcionais", indica Medio Rural.
Por último, sinala que, coa xestión desta e doutras medidas, a Agader favorece a fixación de poboación e a mellora da calidade de vida nas zonas rurais de Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.