Vocación sacerdotal... A que teñen que renunciar os curas para servir á Igrexa?

Os homes que queren ser curas católicos saben que renuncian a determinados aspectos da vida común. O celibato para eles é a resposta e maneira de reflectir o sacrificio de Xesús polos demais, servir aos demais. GC ofrece unha achega á vocación católica para entender que motivos levan a aceptar o feito de renunciar a boa parte da súa vida.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 26/01/2020 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

Cal é o motivo polo que unha persoa decide seguir un camiño ligado á vocación relixiosa? Sexa cal sexa a relixión, o mundo actual, sobre todo en Occidente, ve a vocación relixiosa como un elemento case residual, unha opción tomada por persoas ou influídas por ambientes familiares relixiosos moi estrictos ou por persoas insatisfeitas nalgún aspecto coa sociedade. Achegámonos a un seminario para falar con algúns internos e coñecer que empurra a unha persoa tomar un camiño moi diferente ás diversas opcións que ofrece a sociedade actual.

Seminario Maior Santiago de Compostela
Seminario Maior Santiago de Compostela

O SEMINARIO

As vocacións sacerdotais na igrexa católica levan anos en números moi baixos. O Seminario Diocesano de Santiago acolle hoxe en día a vinte e tres seminaristas cursando os estudos de teoloxía. En total, son seis anos de formación, sendo o sexto cando se ordenan como diáconos, paso previo á ordenación sacerdotal. Logo irán aos diferentes destinos que o bispado lles encomende. Hai dúas vías, o sacerdote diocesano ou o misioneiro. O primeiro ten preferencia hoxe en día debido precisamente ao baixo número de vocacións que fai que os curas párrocos atendan ás veces un alto número de parroquias.

A idade dos seminaristas que temos aquí está entre os dezaito anos e os cincuenta e un” di Carlos Álvarez, reitor do seminario compostelán. A idade mínima para entrar son os dezaoito anos. No caso de Santiago, as  realidades persoais abranguen desde quen entrou logo de acabar o bacharelato a quen chegou cunha carreira universitaria rematada ou que estivo traballando. “Durante os anos de formación é fundamental a formación espiritual, a vida intelectual, a dimensión pastoral e a dimensión humana”. A dimensión pastoral é a axuda dos seminaristas en parroquias da diócese onde están dous anos.

A vida en comunidade busca ser “unha vida en familia, somos tres sacerdotes os que estamos con eles, logo teñen as vacacións de Nadal, Semana Santa e verán” di Carlos Álvarez que sinala tamén “en verán poden aproveitar para ir a campos de traballo, por exemplo un en Perú”. Outro destino é Guinea Ecuatorial e na Coruña tamén colaboran no Fogar de Santa Lucía, onde se acolle a mulleres en situación difícil. “Queremos achegarnos a situacións que nos demostren o que é a vida mesma”.

Ordenación sacerdotal
Ordenación sacerdotal | Fonte: infovaticana

“Durante os anos de formación é fundamental a formación espiritual, a vida intelectual, a dimensión pastoral e a dimensión humana”

O baixo número de ordenacións leva a que se dea o caso de que un cura deba atender, nalgún caso, máis de dez parroquias. Preguntado sobre este tema, Carlos Álvarez responde cunha lista de ordenacións que van desde o 1928 a 2009. Así “en 1928 ordenáronse cincuenta e tres sacerdotes, en 1940 foron catro, en 1961 foron sesenta e nove, 1970 só un, ningún nos anos 1983 e 84 e en 1994 só un”. As oscilacións chaman a atención, sobre todo cando entre mediados dos anos cincuenta e mediados dos sesenta do século pasado, foi o momento de maior número de ordenacións, superando algúns anos as trinta.

SEMINARISTAS E VOCACIÓN

A procedencia da maioría de seminaristas é de familias medias. Nalgúns casos esas familias viven un ambiente relixioso ou de fe que o habitual en fogares medios. E como esperta a vocación? “No meu caso o contacto coa fe empezou dentro da familia, rezaba o rosario cos meus pais e avós, tamén houbo sacerdotes na miña familia, ao final vivir como cristiano era algo moi normal para min”, di Javier, que está en sexto ano, camiño de ser diácono. No caso de Carlos, outro seminarista, tamén no sexto ano, a vocación chegoulle cando xa exercía de profesor de lingua galega. “Recordaba que quería ser un bo cristiano, que preguntaba ao sacerdote como era a súa vida e cando xa era profesor, un día quixen ver como era a acción sacerdotal”.

“Queremos achegarnos a situacións que nos demostren o que é a vida mesma”.

Outra cuestión é como vive a familia que un fillo lles anuncie que quere ser cura. “No meu caso foi unha recepción favorable, sospeitaban algo mais dubidaban se daría o paso” di Javier. Para a familia de Carlos, que xa era profesor, foi unha noticia que “non esperaban”. En ambos os casos, o contacto moi directo coa vida relixiosa estaba presente cando tomaron as súas decisións. Axudar na misa ou participar en actividades parroquiais foron configurando a vocación destes dous homes.

O MUNDO EXTERIOR

A chegada ao seminario maior e a posterior ordenación sacerdotal implica unha serie de renuncias, entre elas as relacións de parella ou o matrimonio, mais tamén ás veces deixar de ver parentes e amizades que se fixeron antes do ingreso. As relacións co exterior durante os anos de seminario pasan pola axuda en parroquias, saír a algunha compra, ver a familia durante as vacacións e tamén algúns amigos e amigas.

O reitor Carlos Álvarez destaca que a formación dos seminaristas pasa “por formalos na responsabilidade, ocultar a realidade é un erro, a vida é a que é”. Actualmente as novas tecnoloxías permítenlles coñecer o que acontece fóra, así como poder ter actividades como o cinema e a lectura. “A tarefa é formar persoas para que teñan criterio, que xulguen para crecer e madurar, así cando sexan sacerdotes poderán convivir mellor coa xente”.

Preguntaba ao sacerdote como era a súa vida e cando xa era profesor, un día quixen ver como era a acción sacerdotal

A ordenación sacerdotal implica adoptar o celibato, a renuncia ás relacións de parella e mesmo formar unha familia. “O celibato é entregar o corazón a Xesús para entregarse aos demais, isto favorece o sentido pastoral e o compromiso cos demais, dalle un sentido máis espiritual ao sacerdocio” di Javier. “Casando estás cunha persoa, mais poder servir unha parroquia dá máis alegría porque non serves ou atendes a unha persoa, entrégaste aos demais” di Carlos.

A ordenación sacerdotal dentro da Igrexa Católica segue sendo un rito que implica a renuncia a determinados elementos que compoñen a vida diaria. Comprender por que un home decide escoller o camiño do sacerdocio a día de hoxe, ten a explicación dunha vida familiar moi achegada á relixión. O celibato é só un paso, unha renuncia, que en principio non lles suporía ningún problema, substitúen o amor a unha persoa polo amor a todas as persoas.


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Pitito

A nada...