Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2020 | Actualizada ás 14:25
Os lumes das festas do Apóstolo deixarán de lanzarse na Praza do Obradoiro, unha tradición que se mantiña "desde hai 450 anos", ante o risco existente para a Catedral e o patrimonio.
Así o avanzou este luns o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, que deixa claro que no Obradoiro manterase o espectáculo de luces e son, pero os lumes lanzaranse desde outra localización. En concreto, estúdanse emprazamentos como o parque de Belvís ou a Alameda.
Respecto diso, o rexedor recoñece que é unha decisión "complicada", pero "non é posible mantelos", xa que os tradicionais lumes do Apóstolo no Obradoiro non son "compatibles" co respecto ao patrimonio e á propia Catedral, que se atopa nun amplo proceso de obras de restauración.
Respecto da problemática producida polos lumes nesta singular praza, explica que o último ano producíronse danos por valor de 700.000 euros nos teitos do Pazo de Raxoi --onde se atopa o Concello compostelán--, que deben ser reparados.
E é que en 2019 houbo 366 quilos de pirotecnia e máis de 6.000 efectos de disparo. Un espectáculo nas festas grandes da capital de Galicia seguido cada ano por miles de persoas. Nesta liña, a concelleira de Urbanismo e Cidade Histórica, Mercedes Rosón, defende que decisións similares se tomaron noutras cidades, mesmo con tradicións máis antigas, por respecto ao patrimonio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.