Que é a Igrexa Evanxélica?... O movemento que aumenta fieis rapidamente e apoia a Trump e Bolsonaro

O cristianismo evanxélico conta en Galicia con cen templos e cuns cincuenta mil crentes. As primeiras comunidades espertaron os receos e desconfianza entre unha poboación maioritariamente católica. Comezaron as súas actividades atendendo persoas con problemas de adicción ou pobreza. Igual que outras igrexas reformadas, as mulleres tamén poden predicar o evanxelio.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 29/01/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O Centro Cristiano de Santiago de Compostela fundouse en 1986. Como Igrexa Evanxélica está rexistrada dentro da Federación de Asambleas de Dios de España (FADE). Os primeiros pasos deste centro dérono unha parella de misioneiros canadianos, un exeñeiro e unha enfermeira. O seu labor centrouse en xente con problemas de adicción, sobre todo drogas. Co paso do tempo, algunhas daquelas persoas atendidas por esta parella acabaron levando o Centro Cristiano compostelán. A día de hoxe o número de crentes evanxélicos en Compostela anda sobre as cen persoas.

Celebración evanxélica
Celebración evanxélica | Fonte: Centro Cristiano Santiago de Compostela

LITURXIA

“A nosa liturxia é máis participativa, as persoas asistentes poden participar con oracións espontáneas dando grazas a Deus” di Valentín López, pastor do Centro Cristiano. “Primeiro temos vinte ou trinta minutos de música onde hai un grupo de persoas que tocan instrumentos e son acompañados por toda a comunidade, logo pasamos a predicar a palabra”. En total, unha celebración pode levar unha hora de principio a fin. Ás veces inclúen lembrar o aniversario de alguén que cumpre anos. Logo, cada primeiro domingo de mes reúnense para facer a eucaristía, unha comida en común entre os fegreses.

As igrexas evanxélicas centran a súa exéxese na explicación dos textos bíblicos, seguindo os evanxelios como doutrina de salvación por gracia a través da expiación de Xesús. Aínda que son os pastores ou pastoras as que imparten a intrepretación dos textos bíblicos, tamén poden facelo persoas en quen delegan os pastores. En ambos os casos, para poder facelo, deben ter estudos bíblicos.

“A nosa máxima autoridade é a Biblia, por iso tratamos de aprendela e de vivila, por iso temos estudos bíblicos para quen queira profundizar máis”. Estes estudos son impartidos polo pastor ou pastora ou unha persoa a quen se delega esta tarefa, mais que teña coñecemento da palabra. Hai estudos bíblicos homologados cos que se poden ter créditos universitarios. Faise un exame que é corrixido e, superada esa proba, pode enviárselle o diploma. Este título é expedido polo Instituto por Correspondencia Internacional, con sede nos EE UU. “Para que un poda ter unha acreditación polo Ministerio de Xustiza, dentro da FEREDE, debe ter cumprido cunha serie de materias sobre a Biblia”.

A CONGREGACIÓN

O pastor dirixe o culto, ás veces axudado por persoas que el escolle. Non obstante, hai decisións sobre a parroquia ou a congregación que se toman en común. En materia de orzamentos e cuestións económicas, o grupo de fieis toman as decisións sobre como e onde investir o diñeiro. “O pastor non toca as ofrendas, iso lévao unha xestoría e tamén temos un tesoureiro, en temas que non son propiamente espirituais, a congregación ten a palabra” di Valentín López.

O local que actualmente ocupa o Centro Cristiano en Compostela, foi mercado coa recadación de fondos por parte do matrimonio canadiano que viñera á cidade. Esta parella tiña contacto coas misións da Asemblea de Deus, a denominación en que está incluído o centro compostelán. Así, foron recadando fondos polas diferentes misións coas que tiñan contacto. O local non se pode vender, de non ser para mercar outro ou para ampliar. O local logo foi doado ao Centro Cristiano.

Non temos subvencións públicas, senón que recibimos ofrendas voluntarias dos fieis que logo se gardan nunha conta a nome de tres persoas” explica Valentín López. Para poder retirar diñeiro é preciso que polo menos dous dos tres titulares estean de acordo. O pastor non figura como titular da conta. Tamén receben doazóns internacionais de crentes evanxélicos “porque saben que traballamos con temas sociais”.

A SOCIEDADE E A FE

“Agora mesmo, logo de ter pasado un tempo, non nos sentimos tan discriminados” di Valentín López. Hai trinta anos, cando López comezou a asistir ao templo, “estabamos desprotexidos, moitas das razóns  era porque a xente tiña unha visión errada do que eran as igrexas evanxélicas”. Pasados os anos a sociedade comezou a cambiar a súa visión, máis cando comezaron a chegar inmigrantes latinoamericanos evanxélicos.

“Actualmente as relacións coa Igrexa Católica son boas” di López, quen ve na falta de información a orixe dos receos cara a súa fe. Unha vía que teñen para darse a coñecer e explicar quen son á comunidade en xeral, son as súas accións como visitas aos xeriátricos, coa atención social ás persoas que o necesitan e tamén “o alcalde nos coñece porque sabe da nosa acción dentro da comunidade”.

“Eu cheguei a pastor por casualidade, sen querer” explica Valentín López. “Eu era ateo, estudara un colexio de curas en tempos de Franco, predicaban o amor e o respecto, mais logo daban unhas malleiras moi fortes, aí perdín a fe”. Co paso do tempo, López caeu no consumo de drogas, como moita xente durante os oitenta. “Quería cambiar de vida, faláronme dun centro onde podía ir, alí falaban que Deus podía cambiarme, parecíame que estaban tolos e que era una seita”.

O comportamento das persoas daquel centro fórono convencendo. Logo dun tempo, e como di López “non baixaron anxos do ceo, non houbo algo místico, simplemente pedín axuda a Xesús para cambiar”. Ese foi o momento en que iniciou o seu camiño dentro da Igrexa Evanxélica. Actualmente compaxina o seu labor pastoral, polo que recebe unha pequena remuneración, con outro traballo xunto coa súa muller.

As igrexas evanxélicas centran a súa fe na Biblia, nunha interpretación dos textos dirixia polo pastor ou pastora. Existen estudos homologados para impartir a palabra dentro desta igrexa. En total, os cen templos que hai en Galicia acollen unha comunidade de cincuenta mil persoas que profesan esta fe, recoñecida como unha das igrexas reformadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Xosé

Un pouco simplista o titular, non é? Eu son evanxélico e Trump e Bolsonaro parécenme dous impresentábeis. Por non falar do contido do artigo, que parece demasiado pouco traballado como para contestar á unha pregunta tan ampla como a do titular. Para quen lle interese, recomendo a lectura da triloxía de Xavier Alcalá que trata da historia dos evanxélicos en Galiza: "Entre fronteiras", "Nas catacumbas" e "Unha falsa luz"

2 Bendito Chiringuito

Valentín deixou as drogas e metéuse na relixión... A debilidade humana é grande. O machismo, o elitismo, o clasismo, o proselitismo, a dereitización, o pensamento único, a ausencia de crítica, a obediencia cega... Iso é a relixión, que no caso dos evanxélicos e outras sectas (tamén as católicas)) son mestres en anular a liberdade humana.

1 TANAJ XUDEO

eu tamen creo na biblia ... e un libro con moita acción e sexo o da primeira muller de adan liliht o teño bastante claro... - https://www.youtube.com/watch?v=Cmv...