Manuela Carmena: "Concepción Arenal é unha muller vinculada ao noso tempo, viva"

A maxistrada e exalcaldesa de Madrid ofreceu unha conferencia en Santiago de Compostela ao redor da activista galega na celebración do seu bicentenario.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2020 | Actualizada ás 15:36

Comparte esta noticia

Concepción Arenal nacía tal día coma hoxe, un 31 de xaneiro de 1920, en Ferrol. Na celebración do bicentenario dunha das pensadoras máis importantes do século XIX, precursora do feminismo, Galicia réndelle homenaxe polas súas achegas e pola actualidade de moitos dos seus discursos. Por iso, nesta xornada, a exalcaldesa de Madrid Manuela Carmena foi a encargada de abrir os actos do 'Ano Concepción Arenal' que organiza a Univesidade de Santiago de Compostela nos próximos doce meses. Así pois, impartiu un relatorio baixo o título 'Concepción Arenal hoxe'.

Manuela Carmena acompañada polo reitor da USC, Antonio López, e un grupo de persoas disfrazadas de Concepción Arenal
Manuela Carmena acompañada polo reitor da USC, Antonio López, e un grupo de persoas disfrazadas de Concepción Arenal

Fronte a un salón de actos da Facultade de Dereito a rebordar, Manuela Carmena agradeceu en primeiro lugar a presenza de tanta xente. "Estou segura de que dona Concha estaría contentísima. Diría: 'que barbaridade! Canta xente moza! E canta xente leva pantalóns!", comezou a intervención entre risas. E é que un dos feitos máis destacados da vida de Concepción Arenal, que Carmena tampouco deixou pasar, foi que se viu obrigada a vestir de home para poder estudar na universidade.

A CONFIANZA NAS PERSOAS

Pero máis alá do que sempre se conta de Concepción, a xuíza quixo ofrecer unha conferencia que indagou noutros aspectos menos coñecidos da pensadora e emprendedora social. Polas palabras de Carmena notábase que estaba falando dunha muller á que estudara con detemento e que influíra decisivamente na súa carreira como maxistrada. Contou que descubriu a Concepción cando un amigo lle regala o libro El visitador del preso. Daquela Carmena traballaba na cárcere de Carabanchel. "Lino e quedei sorprendida pola reflexión que fai da prisión, do mal. Nel di que hai persoas que non deberían estar presas, e di que as persoas menos empáticas son, curiosamente, as mellores presas".

Carmena coñeceu o mal nos seus anos de maxistrada, mais guiouse polo pensamento crítico de Concepción: as persoas poden cambiar. Como? A través do encontro emocional. "Debemos provocar mudanzas nas persoas que non fan máis que deixarse levar polo odio", pensa tamén Carmena. Fundamental para conseguilo é non desvincular os presos da realidade social, non privalos da liberdade psicolóxica. "Son liñas importantes que xa apuntaba Concepción e que non podemos esquecer". Cómpre, di Carmena, recuperar esa capacidade crítica fronte á idea de que un ser humano é un monstruo.

MULLER DE INTERVENCIÓN

Concepción Arenal non se limitaba a criticar as inxustizas, senón que actuaba para darlles solución. "Era unha persoa emprendedora", sinala Carmena. "Dicía: 'Isto está mal?, pois vou amañalo'". Coma ela, foron outras moitas mulleres as que pensaron e actuaron. Iso que hoxe chamamos emprendemento social comezou, dalgún xeito, da man de Concepción. Carmena pon o exemplo do activismo da pensadora fronte aos desafiuzamentos, unha realidade que segue moi de actualidade. "Ela queda escandalizada cando se atopa con esas situacións en Madrid, entón decide montar unha empresa social, unha construtora benéfica para facer vivendas para persoas con poucos recursos". 

A CAPACIDADE DE CUESTIONÁRMONOS

Ela actuaba, era unha muller de intervención social. E ademais, era socióloga. "Interesábanlle os datos coma a ninguén". Tiña o poder de se cuestionar o funcionamento das cousas. "Preguntábase o sentido de facer as leis se despois non sabemos os seus resultados. Ela xa apuntaba a necesidade dos datos". E hoxe, Carmena reafirma esa necesidade fronte ás "mentiras" de partidos políticos como Vox. "É imprescindible que os datos sirvan para verificar o que é certo e o que non". 

De feito, en referencia tamén á extrema dereita, a exalcaldesa de Madrid Manuela Carmena asegurou que ve similitudes no discurso que manteñen Vox e a dirección nacional do PP sobre a imposición do veto parental e os argumentos que empregados durante o século XIX polos detractores da educación obrigatoria como, por exemplo, que supuña unha intromisión na "patria potestade" dos pais sobre os seus fillos.

Manuela Carmena tampouco pasou por alto que Concepción foi unha muller moi interesada polo estudo do Dereito Internacional. "A esta muller deulle por falar de todo!", di riseira. "Poucas veces hai declaracións tan valentes contra a guerra e a favor do pacifismo coma as que fixo Concepción Arenal". Ela, que viviu de primeira man a guerra carlista, cuestionaba daquela o sentido das contendas. 

O FEMINISMO DE CONCEPCIÓN

Na loita e na reivindicación do papel das mulleres, Concepción foi precursora e representante. "Ten discursos discutibles, pero calquera innovadora nunca é rigorosa. Ela tiña claro que estaba reivindicando a intelixencia emocional", relata Carmena, que tamén recordou que Concepción foi unha das primeiras en ser quen de darse conta de que a "muller ama de cara" non era máis ca un mito.

No seu afán por visibilizar e por recolocar dereitos, a pensadora tivo sempre moi claro a importancia de se comunicar a través da prensa e do xornalismo. Fundou a revista Voz de la caridad e foi capaz a través dela de enfrontarse activamente ao catolicismo retrógrado do século XIX. "Por riba de todo, ela era unha muller radicalmente independente", describe Carmena. Incluso chega a formular unha campaña en contra das touradas. 

"Hai toda unha galería de mulleres que non podemos esquecer. Temos que rescatalas porque nelas están os ladrillos necesarios para construír a maneira de coidar a nosa democracia. Está nas nosas mans, non as desperdiciemos". Con este alegato final Manuela Carmena remata o seu discurso, acollido de cálidos aplausos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 miñoca

Deberíamos todas coidar a nosa Democracia que algúns queren deturpar.

1 miñoca

Haberá que tomar exemplo dunha muller comprometida e loitadora polo seu país que tamén é o noso ( A DEMOCRACIA)