Arrimadas insiste ao PP en que se abra á alianza e non pense en clave de partido

O seu obxectivo é facer unha proposta "ilusionante e mobilizadora" dos votantes "constitucionalistas" para facer fronte ao nacionalismo.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/02/2020 | Actualizada ás 10:34

Comparte esta noticia

A portavoz de Ciudadanos no Congreso, Inés Arrimadas, pediu este luns ao PP que non pense en clave de partido e acepte acordar con Cs unha fórmula "transversal" para as próximas eleccións en Galicia, no canto de limitar esa opción unicamente ao País Vasco e Cataluña.

"Creo que o debate ten que ser nos tres territorios, debería selo", declarou nunha entrevista en Onda Cero, recollida por Europa Press, insistindo en que nestas "circunstancias excepcionais" non deben primar os "intereses de partido".

Neste sentido, criticou que o PP se mostre favorable a sumar en Cataluña, onde ten moitos menos deputados que Cs, pero non en Galicia, onde goberna con maioría absoluta e Cs non ten representación parlamentaria.

"Se ao final estamos a pensar cada un 'a min aquí vaime ben pero aquí non'", entón "non servirá para nada e presentarémonos cada un coas nosas siglas", engadiu.

Segundo explicou a deputada de Ciudadanos, o seu obxectivo é facer unha proposta "ilusionante e mobilizadora" dos votantes "constitucionalistas" para facer fronte ao nacionalismo nas urnas nas tres comunidades.

A portavoz de Cs no Congreso e candidata á presidencia do partido, Inés Arrimada, en declaracións durante un encontro con afiliados da formación en L'Hospitalet de Llobregat (Barcelona)
A portavoz de Cs no Congreso e candidata á presidencia do partido, Inés Arrimada, en declaracións durante un encontro con afiliados da formación en L'Hospitalet de Llobregat (Barcelona) | Fonte: Europa Press

TENDE A MAN AOS SOCIALISTAS CATALÁNS: "OXALÁ RECTIFICASEN"

"O que propoño é que nos territorios en que a ameaza independentista é real fagamos unha fórmula, 'Mellor unidos'. Gústame máis esa fórmula porque é máis ampla", apuntou Arrimadas.

No caso de Cataluña, Arrimadas insistiu en que non importa tanto o número de persoas que integre a alianza constitucionalista, senón cantos van votar. A mobilización do electorado pasa, segundo a dirixente, por contar cunha alianza transversal.

Nesta liña, Arrimadas recoñeceu que lle encantaría que os socialistas cataláns "rectificasen" e que o PSC finalmente se abra a sumar cos constitucionalistas. "E non o que quere Iceta, que eu coñézoo, e é un tripartito con ERC", engadiu.

Con todo, na alianza proposta pola dirixente da formación laranxa non tería cabida Vox. "Con respecto aos seus votantes, é coherente que se non estamos a facer gobernos de coalición non fagamos coalicións electorais", argumentou.

Así, Arrimadas deixou claro que a súa idea é agrupar desde o "centro" político que ocupa Ciudadanos parte do espazo "conservador" do Partido Popular e o "elemento socialdemócrata fundamental" do PSOE "se lle dese algo e cambiase de opcións".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta