Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/02/2020 | Actualizada ás 14:21
A Consellería de Sanidade está a traballar en medidas adicionais e "aínda por negociar" que permitan "aumentar os incentivos" e a puntuación no baremo de méritos para aqueles facultativos especialistas en áreas de "difícil cobertura" que decidan traballar en hospitais comarcais.
Así o anunciou este martes o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, durante unha comparecencia a petición propia no Pleno do Parlamento para falar sobre a situación destes centros.
Tras debullar os proxectos para este ano, na súa última intervención, o conselleiro admitiu que un dos problemas "máis importantes" que afectan á sanidade é "a falta de profesionais", especialmente en determinadas especialidades e en áreas xeográficas de "difícil cobertura", unha situación que, recentemente, afectou, por exemplo, ao servizo de pediatría do Hospital de Verín (Ourense).
Por iso, avanzou que este mesmo martes, no consello interterritorial de saúde convocado para analizar a alerta por coronavirus, pedirá ao ministro un novo encontro a nivel nacional para "falar dos recursos humanos". Tanto en Galicia como en España, explicou o conselleiro, existe "un problema de recursos humanos", o que no caso galego acentúase en determinados centros máis afastados dos núcleos de poboación.
Para paliar esta situación, explicou, incorporouse en mesa sectorial unha "puntuación adicional" no baremo de méritos" para aqueles profesionais que exerzan ou exercesen en hospitais comarcais, un "incremento de puntuación" que se terá en conta xa na próxima OPE, de 2020, "para incentivar aos profesionais que decidan ir aos comarcais".
MÁIS INCENTIVOS
Este incremento na puntuación polo tempo traballado nos comarcais terase en conta tanto para aqueles profesionais que o fagan a tempo completo como para os que traballen nos hospitais centrais e se despracen ocasionalmente aos comarcais, aos que se "incrementará proporcionalmente" a súa puntuación.
A maiores, explicou o conselleiro, o Sergas está a traballar noutros incentivos, aínda "por negociar", como a posibilidade de "aumentar aínda máis" esta puntuación no caso das especialidades médicas de difícil cobertura, como pediatría, así como outras medidas relacionadas co acceso á carreira profesional, beneficios laborais que o conselleiro considerou máis efectivos que "os incentivos económicos".
Durante a súa comparecencia, o conselleiro destacou o "compromiso" do Goberno galego cos hospitais comarcais, sete centros repartidos por Galicia que, no seu conxunto, atenden a unha poboación de case 340.000 persoas e que, durante 2019, realizaron 24.541 intervencións cirúrxicas, 509.172 probas diagnósticas e 564.492 consultas externas.
ACUSACIÓNS DE RECORTE E DE "CENSURA"
Durante as súas quendas de réplica, os grupos da oposición acusaron ao conselleiro de recortes nos hospitais comarcais, que foron "contestados socialmente" con mobilizacións como a de Verín, así como de "censura", pola instrución interna que regula os carteis e avisos que poden ser colocados nos centros.
Desde o Grupo Mixto, o portavoz de En Marea, Luís Villares, acusou a Almuiña de dedicar "minuto e medio" e a súa primeira intervención ao Hospital de Verín, un centro no que nos últimos meses se viviron conflitos derivados do peche do paritorio, "reaberto porque a cidadanía de Galicia decidiu plantarse". "A Xunta tiña unha política de malos tratos sanitarios que foi contestada de forma abafadora pola cidadanía galega", dixo Villares, que acusou ao Sergas de tentar "desmantelar a sanidade comarcal".
Do mesmo xeito, referiuse a a circular interna do Sergas que se sitúa sobre a cartelaría en centros sanitarios para criticar a "censura inadmisible" desta instrución, que "establece que criticar ao PP é o límite da liberdade de expresión". "As institucións públicas non son o seu casarío", advertiu.
Tamén a deputada do Grupo Común da Esquerda Eva Solla aludiu á "censura nos centros sanitarios" que supón esta instrución e reclamou ao conselleiro que "rectifique esta decisión de censura aos traballadores" e retire a circular. "Decide vir falar dos hospitais comarcais porque ten medo, ten medo da manifestación do domingo e da mobilización das familias", dixo Eva Solla.
Durante a súa quenda de intervención, a deputada do BNG Montse Prado acusou ao Sergas de dar "pasos para consolidar a subordinación dos hospitais comarcais", converténdoos en "apéndices dos hospitais centrais" e criticou a intervención do conselleiro, ao que acusou de vir ao Parlamento a "contar un conto".
Neste sentido, rexeitou que a Xunta se presente como "salvadora" coa reapertura do paridoiro de Verín, que Prado atribuíu ás protestas sociais, explicando que a lema 'Verín non se pecha' "está xa incorporado á historia de Galicia como unha mostra máis de dignidade colectiva".
Do mesmo xeito, o deputado socialista Julio Torrado iniciou a súa intervención felicitando ás persoas "que se van a manifestar o domingo" por "conseguir resultados antes" da mobilización e instou á Xunta a "utilizar os problemas como retos e non como escusas". "Necesitan ser transformadores, non mover papeis dun lado para outro", dixo Torrado, que afeou ao Sergas que "mova pediatras dun lado para outro para tentar saír desta situación".
Para o socialista, a sanidade galega ten como base un "problema de planificación", dado que se baleirou " a atención primaria para concentrarse na atención especializada". "E a atención primaria é o centro do cambio do sistema", advertiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.