Feijóo móstrase "orgulloso" da sanidade mentres que a oposición apela á mobilización

O presidente da Xunta axita a débeda de 370 millóns que demanda ao Goberno central en concepto de IVE e de cumprir as regras fiscais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/02/2020 | Actualizada ás 12:34

Comparte esta noticia

Os grupos da oposición --PSdeG, Grupo Común da Esquerda e BNG-- puxeron o foco na sesión plenaria na sanidade pública e auguraron "un berro unánime" na súa defensa na manifestación convocada en Santiago para o vindeiro domingo, ante un presidente que se mostrou "orgulloso" do servizo galego de saúde e axitou a débeda de 370 millóns que demanda ao Goberno central en concepto de IVE e de cumprir as regras fiscais.

De feito, en resposta ao socialista Gonzalo Caballero, a quen afeou un "selfie" con Pedro Sánchez publicado nos xornais, Feijóo advertiu que os 370 millóns que o Executivo estatal "debe" a Galicia permitirían facer o novo hospital da Coruña "completo" e remodelar outras infraestruturas sanitarias.

"Deixe de facer do PSdeG unha mascota de Sánchez", instou a Caballero, quen previamente fora moi crítico coa súa xestión sanitaria e lle chegou a enumerar todas as vías abertas en distintas localidades galegas pola falta de pediatras e de ambulancias, ou as protestas da PAC. Tamén aludiu ás "parroquias" do PPdeG e afeou a Feijóo que o ourensán Manuel Baltar se opuxo ao peche do paridoiro de Verín.

Tanto Olalla Rodil (BNG) como Antón Sánchez (Grupo Común da Esquerda) cargaron tamén contra a política sanitaria da Xunta, aínda que o segundo centrou a súa pregunta na situación do rural galego.

Manifestación en Santiago en defensa da sanidade pública
Manifestación en Santiago en defensa da sanidade pública

O BNG, "OUTROS 40 ANOS NA OPOSICIÓN"

"Aproveite o pouco que queda na Presidencia da Xunta e rectifique como en Verín, porque cando rectifica é a única vez que acerta", retou Rodil, a quen Feijóo respondeu que, "tras 40 anos de insultos e sectarismo", ao BNG "quédanlle probablemente outros 40 anos na oposición".

Tamén lembrou que foi "o primeiro presidente democrático ao que se lle fixo unha manifestación antes de tomar posesión", pola situación lingüística, e engadiu que, en consecuencia, sabe "distinguir entre ruído e reivindicacións lexítimas dos cidadáns". De feito, tras incidir en que é preciso "tomar nota" e "escoitar", remarcou que os galegos lle volveron a elixir "pese ao ruído" e "nos peores momentos de crises".

"O BNG sempre está na rúa e fóra do Goberno. Nunca gañou unhas eleccións e só gobernou aliándose con outros perdedores", subliñou Feijóo, quen botou en cara ao Bloque que no acordo que subscribiu co PSOE para a investidura de Pedro Sánchez non incluíse "nin unha soa cousa" relativa á sanidade.

Ao BNG tamén lle afeou a súa relación con Bildu e ERC. "Veñen ser intérpretes do que se di na rúa? En que rúa escoitou vostede que os galegos están a favor dunha alianza con Bildu e ERC? Deixe de usar o nome de Galicia para os seus intereses partidistas máis pequenos, Galicia é moito máis grande do Bloque", espetou o presidente, a quen Rodil advertiu que o acordo do Bloque o deixa "co cu ao aire".

SÁNCHEZ: "É VOSTEDE UN CENSOR"

A continuación, Antón Sánchez (Grupo Común da Esquerda) tamén lle sacou a cuestión sanitaria e a circular que veta os carteis críticos coa xestión nos centros sanitarios da comunidade. "O outro día fun chamado á orde e hoxe lamento ter a razón: é vostede un censor", esgrimiu, antes de advertir que, en todo caso, o PPdeG non logrará "calar" os profesionais nin a cidade "en contra da sanidade privada".

"Por iso este domingo haberá un berro unánime a favor da sanidade pública", dixo Sánchez, quen remarcou tamén que o PP "é un partido estruturalmente corrupto" que "usa fondos reservados para protexerse da caixa B". Ao tempo, instou a Feijóo a aclarar se non lle dá "vergoña" manter que esta sería "a lexislatura do rural" cando o seu "único" proxecto para el é "a aniquilación".

Sánchez aludiu á destrución do emprego agrícola e forestal, ao aumento do abandono de terras e tamén ao despoboamento do rural, entre outras cuestións, mentres que Feijóo botoulle en cara que o seu grupo non presentase "ningunha proposta" para o agro no Debate sobre o Estado da Autonomía.

COMPARECENCIA SOBRE SANIDADE

Gonzalo Caballero, pola súa banda, cargou contra "as intervencións de post verdade" de Feijóo. "Non quere falar de sanidade, ten as competencias e demostra os seus fracasos. Hai unha maioría de xente que sae á rúa e non a quere escoitar", advertiu o socialista, quen puxo sobre a mesa do presidente distintas vías abertas por cuestións como a falta de pediatras e de ambulancias, ou a saturación de urxencias.

Tras citar os distintos concellos nos que se producen protestas sobre o ámbito sanitario, interpelou a Feijóo: "Están todos equivocados?" O líder socialista tamén respondeu ás recentes manifestacións do presidente sobre distintas posturas dos socialistas galegos co IVE e remarcou que o PPdeG tamén ten "parroquias" lembrando que Manuel Baltar se opuxo a pechar o paridoiro de Verín.

"Non ten compromiso coa sanidade, ten a chaqueta do PP", sentenciou Caballero, quen, despois de que Feijóo se mostrase "encantado" de falar sobre esta cuestión, emprazouno a "comparecer" e manter un debate monográfico de política sanitaria.

"Sinto orgulloso da sanidade pública", proclamou Feijóo, quen reivindicou o impulso ás infraestruturas sanitarias baixo o seu mandato. "Cando chegamos había un acelerador radial que non radiaba, senón que queimaba e tivemos que apagalo. Calei, pero non me vou a seguir calando", contrapuxo, co foco na etapa do bipartito.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta