Este dereito adoita ser limitado na praxe ou mesmo descoñecido na Administración periférica do Estado (nomeadamente perante a Axencia Estatal Tributaria-AEAT e a Administración da Seguridade Social) e tamén na Administración de Xustiza.
No que atinxe á Administración de Xustiza son xeralizadas as críticas do Consello de Europa á limitación ao uso do galego nos nosos Tribunais, nomeadamente i) polas deficiencias no coñecemento activo da linguaxe xurídica galega por sectores importantes do persoal da nosa Oficina Xudicial e dos propios maxistrados, xuices e letrados da Administración xudicia e ii) pola inacción da Xunta de Galicia, que dende a reforma orgánica e funcional da oficina xudicial en maio de 2010 deixou de fornecer as ferramentas informáticas precisas para que os distintos operadores xudiciais poidan desenvolver o seu traballo en galego.
Esta minorización determina que unha lingua de uso relativamente amplo na vida social e mesmo económica como o galego estea practicamente arrumbada canto ao seu uso xudicial. Os xusticiábeis perceben esta minorización, perceben que ás veces o uso do galego na xustiza pode ser un problema e deciden axeitarse ao clima para evitar atrasos na resolución das importantísimas cuestións persoais e económicas que someten á decisión da xustiza. Por moi concienciados que estean. Eles e máis os seus avogados.
Velaí que precisemos de dúas liñas de solución. Por unha banda garantirmos o coñecemento abondo (activo e pasivo) da linguaxe xurídica galega por parte dos maxistrados, xuices, fiscais, letrados da administración de xustiza e persoal dos corpos de xestión, tramitamento e auxilio que prestan os seus servizos neste País, así como por parte dos novos avogados no exame de acceso á profesión. Por outra banda, que a Xunta de Galicia, titular da competencia exclusiva nos medios materiais e personais da Administración de Xustiza, forneza axiña ao persoal xudicial todo das ferramentas informáticas precisas para desenvolver o seu labor. Facendo, por certo, o que nunca fixo o Goberno de Núñez Feijóo.