Oh, Canadá!!!... Adóptase profesor galego por meses

Diego Rojo Garrido, profesor de Educación Física nun dos institutos de Ames, o IES de Ames, e deportista de alto nivel, relatará nesta serie de reportaxes as súas vivencias como participante do programa PIALE en Canadá.

Por Galicia Confidencial | Otawa, Canadá | 12/02/2020 | Actualizada ás 12:20

Comparte esta noticia

Canadá recibiunos ao profesorado do PIALE (Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Extranxeiras da Consellería de Educación) por todo o grande. A tormenta de neve desatou un desfile de máquinas quitaneve na pista do aeroporto de “Torontontero”, e foi preciso quedar a facer noite, porque o voo a Ottawa cancelouse. Agardando o taxi fora do edificio o termómetro comezou a baixar ata menos 14. Camiño do hotel eran varios os centímetros de neve que se acumulaban á beira da estrada, e as beirarrúas comezaron a desaparecer. Viñan á miña memoria algunhas das frases do conto do arxentino que se muda de Santa Fé a Toronto buscando un clima menos cálido.  "¡Qué linda la nieve!"

Profesores galegos nunha clase de OCENET, en Canadá
Profesores galegos nunha clase de OCENET, en Canadá | Fonte: remitida

Chegamos a Ottawa ao dia seguinte e fomos recibidos polo persoal de OCENET (Ottawa-Carleton Education Network), a entidade que coordina o programa en Canadá. Os seus principais obxectivos son a creación dunha rede global de educadores e estudantes que compartan o seus coñecementos e experiencia, e mellorar o alcance dos programas do distrito educativo de Ottawa-Carleton. 

Karen Hanes e Constantine Ioannou son profesora e director dos programas de curta duración, como o noso, de só catro semanas. Kari, de nai inuit, é unha experimentada peregrina a Santiago, e nos ilustra os dous primeiros días sobre cómo aproveitar ao máximo a nosa estadía e sobre o sistema educativo canadiense, enormemente multicultural, ao igual que o país. Constantine, fillo de gregos, é unha mostra máis desa multiculturalidade, que está presente en todas partes, e supoño que motiva que o primeiro día nos ofrezcan unha comida nun restaurante desta nacionalidade.

OCENET coordina os dous lugares onde mais tempo imos pasar. Por unha banda, os centros de destino, dos que falarei noutro artigo. Por outra, as nosas familias de acollida, que se van a encargar de alimentarnos e darnos aloxamento durante o programa. Seguimos rodeados de interracialidade por todas partes: familias de orixe asiático, europeo, africano, sudamericano… todas elas orgullosas de pertencer a unha nación na que o forasteiro non é un extrano.

A CASEIRA

A miña caseira chámase Ethel, e é unha inmigrante caribeña da illa de Grenada, chegada a principios dos 70 para estudar, e que decidiu quedarse. Formada na universidade canadiense como traballadora social, durante décadas desempeñou labores de asistencia e supervisión a colectivos desfavorecidos, traballo que segue a desempeñar a tempo parcial, a pesares de estar xubilada, para complementar o seu subsidio. Isto en Canadá é algo relativamente frecuente, e incluso ao profesorado se lle permite, unha vez acadado o retiro, impartir ou apoiar  materias esporádicamente.

Diego Rojo con Ethel
Diego Rojo con Ethel | Fonte: remitida

Ethel vive acompañada por Mila, a súa cadela,  nunha vivenda unifamiliar adosada, algo bastante común en Ottawa, e que motiva en certo modo a enorme extensión da cidade. O noso barrio, Orleáns, un de moitos no extrarradio, está a mais de 20 km do centro. Ethel vive sola desde hai pouco tempo, xa que ten un longo historial de acollida de estudantes e nenos e nenas en situacións de exclusión social e abandono familiar. Alterna o seu horario semanal entre o seu traballo parcial, o coidado ocasional de dúas das súas netas, e a adicación á comunidade protestante, en concreto da igrexa pentecostal, onde participa como mentora e predicadora.

Nunha ocasión tiven a oportunidade de asistir con ela a un colorido e alegre funeral, onde se celebraba e cantaba o pasamento de dúas compañeiras ao ritmo de pandeiretas, baixo eléctrico e piano, ao mais puro estilo “gospel”.  De carácter afable e hospitalario, Ethel ofréciume longas conversas despois da cea, saboreando unha taza de té, ao longo das catro semanas que pasei na súa casa, e converteuse por cariño e méritos propios na miña “Canadian Mom”. Ela representa ben o espírito dun país que ten por bandeira a multiculturalidade, ainda que declara percibir discriminación racial en certos sectores da poboación cara a poboación negra, india, inuit e mestiza. Pero deisto falaremos nunha vindeira entrega.

Profesores presentando o programa educativo en Canadá
Profesores presentando o programa educativo en Canadá | Fonte: remitida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta