Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2020 | Actualizada ás 14:26
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, acusou ao Partido Popular de "mentir" para "tapar que non reclamou os 170 millóns de incentivos" que o Estado "debe" a Galicia polo cumprimento dos obxectivos de déficit.
Nun comunicado, Rego saíu ao paso das declaracións do secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, quen o pasado mércores cargou contra PSOE, Podemos e BNG, e especialmente co Bloque, por votar en Madrid contra unha iniciativa que, entre outros asuntos, reivindicaba a devolución dos 2.500 millóns do IVE da mensualidade de decembro de 2017 ás comunidades autónomas.
A proposta, que tamén reclamaba ao Executivo a presentación dunha reforma do financiamento autonómico coincidindo cos próximos Orzamentos Xerais do Estado, foi rexeitada con votos de PSOE, Unidas Podemos, ERC, Junts, EH-Bildu, Más País, BNG, Nova Canarias.
Así, a formación frontista asegura que o voto en contra do seu deputado nas Cortes contra a iniciativa do Grupo Popular debeuse a que a proposición non incluía a reclamación dos 170 millóns que reclama Galicia como incentivos polo cumprimento da regra de gasto e que "representa case a metade da débeda que o Estado ten" coa Comunidade galega.
"Foi o PP quen deixou tirado ao noso país e mesmo Feijóo, por non reclamar o que corresponde a Galicia", indicou Rego, que lembrou que presentou unha emenda á iniciativa e pediu votar por separado este punto. Ambas as propostas, apunta Rego, foron rexeitadas polos populares.
"Non sei se o PP pretende regalarlle ao Estado ese diñeiro que corresponde aos galegos ou deas que Feijóo pinta tan pouco que nin o seu partido lle fai caso. Ou as dúas cousas á vez", incidiu o parlamentario do Bloque.
VULCANO
Por outra banda, o BNG usará "a súa forza para negociar" co Goberno que "favoreza a ampliación da concesión" dos terreos do estaleiro vigués Vulcano, un factor "chave" para garantir a viabilidade de calquera proxecto que pretenda manter a actividade industrial nesas instalacións.
Así o trasladou o deputado nacionalista, Luís Bará, quen lembrou que, en virtude do acordo de investidura pactado co PSOE, o BNG reclamará ao Goberno central que concrete o seu compromiso de apoio ao sector naval, e que permita manter a concesión ata 2027, como factor determinante para que un grupo empresarial aposte por reactivar a actividade de construción e reparación naval nesa bancada centenaria.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.