Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2020 | Actualizada ás 13:47
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, anunciou que suprimirá o "monstruoso" sistema de "bolardos asasinos" para o control de acceso de vehículos ao centro histórico e que o substituirá por vixilancia policial e, nun prazo de "tres ou catro meses", instalaranse cámaras.
Así o manifestou este xoves durante a rolda de prensa para dar conta dos asuntos tratados na Xunta de Goberno Local, que tamén contou coa presenza do seu concelleiro e portavoz, Miguel Caride. Jácome sostivo que o sistema de bolardos é "totalmente intolerable" pola súa "agresividade cos vehículos e cos viandantes". A este respecto, dixo que, desde a súa implantación, "os bolardos asasinos esnaquizaron 1.500 coches".
O rexedor sostivo que a instauración desta medida non se puido levar a cabo antes pola "falta de efectivos de Policía Local", pero agora que se incorporaron novos axentes ao corpo "en todo momento haberá presenza policial no Centro histórico".
A pesar de que as cámaras de vídeo non serán unha realidade ata dentro de "3 ou 4 meses", Jácome mostrouse "despreocupado" e sinalou que "iso agora é o de menos" porque "aos condutores que teñan acceso ao Centro histórico sen autorización empezaráselles a advertir ou a multar".
En palabras do rexedor ourensán, "un condutor queda igual de escaldado cunha multa forte que se os bolardos asasinos lle esnaquizan o coche". Con este argumento, o alcalde sostivo que "a eliminación deste sistema terceiromundista non producirá ningún caos no Centro histórico".
COLECTORES SOTERRADOS
Por outra banda, o alcalde falou da reposición dos colectores soterrados e explicou que, dos 60 illotes existentes, 15 deberán ser repensados para adaptarse á nova normativa de quinta fracción.
"Falta matizar que se fai cos 15 puntos que só teñen espazo para tres colectores soterrados", explicou o alcalde. Como alternativas propuxo "a posibilidade de introducir os de superficie nestes illotes" ou, por exemplo, no caso de rúa Concordia "meter unha árbore que humanice moitísimo a zona".
Neste punto tamén criticou a mala localización dos colectores soterrados. "Quen foi o curto que tivo a idea de pór uns colectores soterrados mesturados cos de superficie?", manifestou, para cuestionar "as melloras estéticas".
REGULACIÓN SEMAFÓRICA
Así mesmo, na rolda de prensa Gonzalo Pérez Jácome tamén anunciou a próxima licitación dos servizos de regulación semafórica estándar e de 'smart city'.
No caso do servizo estándar, o rexedor explicou que "permitirá abaratar o prezo e pagar as facturas en tempo". Mentres que no apartado de 'smart city' si falou de "grandes cambios" coa súa implantación, como o feito de que "os autobuses poderán controlar os semáforos para chegar a tempo ás paradas".
CENTRO DE INTELIXENCIA ARTIFICIAL
Por outra banda, anunciou que levará ao próximo pleno do Concello de Ourense, previsto para o día 6 de marzo, a proposta do soldo do director do Centro de Intelixencia Artificial que "virará ao redor dos 62.000 euros, un 10% menos que o do alcalde".
Neste sentido, sinalou que os requisitos para o acceder ao posto serán "valorados en función dos CV e os méritos no ámbito científico dos solicitantes". Tamén avanzou que a súa persoa preferida para o posto é David Olivieri, co que xa mantivo contactos, pero que "se decidirá en base ao potencial dos candidatos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.