Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 24/02/2020 | Actualizada ás 21:54
A Xunta de Galicia declaraba non viable o proxecto de reapertura da mina de Touro. O día 28 de xaneiro de 2020 a Consellería de Medio Ambiente declaraba que o proxecto non garantía a "sustentabilidade ambiental". Pechábase así un ciclo de protestas, manifestacións, declaracións, cruces de acusacións entre veciños, empresa mineira e autoridades locais e autonómicas.
Aínda así, o espazo do que foi a antiga mina do Pino-Touro está sendo usado como un vertedoiro de residuos sacados de depuradoras. "Había xeringas, material de hospitais, mesmo unha vez puidemos ver historiais médicos tirados no medio dos lodos" sinalan representantes da Plataforma Veciñal Mina O Pino-Touro Non.
O certo é que se poden ver plásticos, cubertas de rodas de camións, algunhas no cauce do río Burgo, e sobre todo, o cheiro. Un cheiro que a pesar de estar a ceo aberto, non deixa de envolver a quen se achega alí. Nin siquera os veciños das áreas máis lonxe do vertedoiro non se libran. "Un veciño chamara ao 112 polo intenso cheiro fedento que había fóra da súa casa. Chegaron os bombeiros enviados polo 112 e mediron cun sensor a concentración de gases. Había a mesma cantidade de metano por metro cúbico de aire que dentro dunha casa, porque eles estaban fóra, no campo".
A empresa quere ir tapando as diferentes capas de residuos deixando medrar eucaliptos. Mais estas plantas, ao estaren sobre lodos tóxicos con nitritos e outras substancias, van secando ao queimaren as raíces. Sobre o lodo tamén nace herba, mais nada impide que esa herba vaia secando co paso do tempo. O risco está en que as augas da choiva non acaben provocando un deslizamento de terras.
Un dato curioso, o espazo dentro da corta é un humidal protexido pola UE.
As augas tamén están afectadas. O río Burgo vai recollendo todos os residuos que as augas pluviais arrastran ata o seu cauce. Do Burgo van ao río Brandelos e de aí ao Ulla. Todo de maneira constante. Por outra parte, patrimonialmente O Castro da Copa, catalogado por Patrimonio, quedou sepultado baixo toneladas de lixos. Os feitos foron denunciados ao Seprona. A resposta desta unidade da Garda Civil foi que o delito prescribira.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.