A reapertura das termas da Chavasqueira, condicionada á "implantación de máis protección"

A CH Miño-Sil mantense á espera de que "o Concello de Ourense presente a documentación requirida".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2020 | Actualizada ás 14:12

Comparte esta noticia

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil condicionou a reapertura das termas privadas da Chavasqueira á "implantación dunha serie de medidas correctoras ou de protección acordes á normativa vixente e que deberá presentar o Concello".

Así o manifestou este venres o comisario adxunto da CH Miño-Sil, Alberto de Anta, acompañado polo seu presidente, José Antonio Quiroga, nunhas declaracións aos medios con motivo da presentación dunha Xornada técnica divulgativa dos traballos de delimitación das zonas inundables e risco de inundación na demarcación.

A nova normativa modifica as condicións nas que no seu día se autorizaron as instalacións privadas da Chavasqueira, por este motivo agora é necesario "legalizar a ocupación dos terreos" que, de acordo á regulación vixente, "forman parte do dominio público hidráulico".

Este trámite administrativo e as "novas condicións de xestión e de adopción de medidas de protección civil" deben ser abordados polo Concello de Ourense e, segundo explicou o comisario adxunto, "xa se lle requiriu a presentación da documentación".

"O Concello remitiu unha documentación e contestar nun breve prazo para dicirlle que documentación complementaria debía achegar, aínda que a día de hoxe aínda non se recibiron ditos documentos", sinalou Alberto de Anta.

ZONAS INUNDABLES DA PROVINCIA

A xornada deste venres deu a "coñecer o proceso de elaboración do novo mapa sobre o perigo e as zonas con risco de inundación na provincia de Ourense".

Na demarcación existen zonas con maior risco de inundación entre as que se atopan Baños de Molgas e A Limia. Esta última sofre danos principalmente por inundacións, dado que é "unha zona moi extensa e chaira na que apenas ten velocidade a auga para discorrer cara ás canles", explicou Alberto de Anta.

Tamén se dan casos de inundacións "de menor entidade" no centro urbano de Ourense debido a "problemas nalgunhas instalacións", sinalou.

A sesión non só pretende a divulgación, tamén "a transversalidade na comunicación con outras administracións e co tecido social", segundo referiu o presidente da CH Miño-Sil, José Antonio Quiroga.

"É necesario que todo o tecido social teña un coñecemento exhaustivo do que estamos a falar dado que o fenómeno das inundacións reverte en catástrofes naturais que teñen incidencia real na vida e o patrimonio das persoas", continuou.

Neste sentido, por parte da CH Miño-Sil apostan por traballar ao redor de tres eixos principais: a concienciación, a prevención co fin de "reordenar os usos que se realizan en zonas inundables" e a protección mediante actuacións sobre o propio terreo.

Comparecencia en Ourense da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
Comparecencia en Ourense da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta