Por Xurxo Salgado | Compostela | 10/10/2012 | Actualizada ás 23:30
Non participaron nos debates, pero como se estiveran. O toma e daca de Feijóo e Jorquera no último debate da TVG serviu para que Xosé Manuel Beiras e Mario Conde adquiriran un protagonismo inusitado e foran citados varias veces polos contendentes.
E é que a posibilidade de pactos do PPdeG e do BNG se non hai maioría absoluta converteuse nunha obsesión para ambos os dous dirixentes. Jorquera citou a Conde ata en seis ocasións para advertir aos electores que os populares poderían pactar con el se non teñen a maioría absoluta. E o mesmo fixo Feijóo nomeando a un Xosé Manuel --cuxa saída do BNG aínda escoce nesta formación- para insinuar que nacionalistas e socialistas igual dependen dos seus votos para gobernar.
Ambos os dous dirixentes atacaronse varias veces sobre a posibilidade de asinar pactos se non se producen maiorías absolutas. Feijóo lembrando o "desastre" do bipartito,"que agora sería un quintaparito", e Jorquera lembrandolle que igual depende dun banqueiro co que colaboran "ex conselleiros de Fraga".
Empate
Con todo, o último debate rematou en táboas. Nin Feijóo, nin Jorquera conseguiron impoñerse nun cara a cara que, por veces, foi aburrido e por veces, intenso. A economía, os servizos sociais e o autogoberno volveron a acaparar a intervención dos candidatos.
Así, o presidente galego presumiu de goberno durante estes catro anos e dixo que Galicia foi capaz de facerlle fronte á crise con medidas de aforro e control do déficit. "Non sei en que país vive vostede porque neste periodo 60.000 mozos tiveron que emigrar", repostoulle Jorquera.
O líder nacionalista atacou con datos económicos de desemprego e Feijóo insistiu en que os dados en Galicia son mellores que os do Estado. Ambos os dous tiraron de gráficos diferentes para demostrar que un e o outro estaban errados sobre os datos do paro rexistrado e da EPA.
"Carné de galegos"
No debate tamén saíu a relucir o famoso informe do Consello de Contas ao que Feijóo restoulle importancia. "Non existe tal informe, é un anteproxecto", dixo. "Será un anteproxecto pero está asiando polo ex conselleiro de Economía do PP, Juan Antonio Orza", espetoulle Jorquera.
Os dous dirixentes tamén se erixiron en defensores de Galicia e do autogoberno. "Non diga vostede quen debe ou non ser galego. Se fora polo BNG, Galicia sería máis cativa", apuntou Feijóo. "Eu non reparto carnés de galeguidade pero tampouco fago como vostede de supeditar Galicia ao que diga Rajoy porque vostede é un delegado de Goberno de Rajoy e o seu voto vai a Rajoy", respondeulle Jorquera que foi o único momento no que sacou a relucir o Goberno de Rajoy, un argumento que utilizou moito máis o líder socialista para desacreditar ao presidente galego.
Futbol e xornalismo
Durante o encontro producíronse varias anécdotas. Jorquera declarouse deportivista, "e como deportivista quero que o clube estea ben xestionado". "A vostede preocupalle que estea ben xestionado un equipo de fútbol. A min preocupame que o estea Galicia", respondíalle Feijóo.
E tamén houbo momentos de cabreo, especialmente, cando Jorquera amosou unha portada do diario La Región, que nos últimos meses ten unha liña moi crítica coa Xunta, na que se criticaba o estado da sanidade. "Ese xornal ataca á sanidade pública e sacou unha nova que non está confirmada", dixo o presidente galego visiblemente enoxado. "Ten gracia que sexa vostede quen fale así da prensa", comentoulle Jorquera en alusión ao apoio que recibe da maior parte da prensa galega.
Xa na quedan final, e a pesares dos reproches, houbo "fair play" entre os contrincantes, algo que non aconteceu no debate entre Vázquez e Feijóo. "Desexolle moita sorte a vostede e ao seu partido nestes comicios", despediuse o presidente galego. "E tamén eu a vostede no personal", respondeulle Jorquera.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.