O Partido Galego denuncia "deficiencias no proceso de votación" para os galegos emigrados

A candidata Olga Dourado González esixe solucións inmediatas para garantir o dereito ao voto dos emigrantes galegos nas eleccións do Parlamento Europeo.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 08/06/2024 | Actualizada ás 12:13

Comparte esta noticia

De cara ás eleccións ao Parlamento Europeo 2024, o Partido Galego lanza unha firme demanda para garantir os dereitos dos electores galegos residentes no estranxeiro. En declaracións recentes, o partido destacou serias deficiencias no proceso de votación nos consulados, especialmente sinalando a falta de papeletas dispoñibles para votar con garantías.

Rolda de prensa do Partido Galego para as eleccións do Parlamento Europeo 2024
Rolda de prensa do Partido Galego para as eleccións do Parlamento Europeo 2024 | Fonte: Partido Galego

"Temos constancia de que en varios consulados, incluíndo o de Zurich (Suíza), non se dispoñen de papeletas adecuadas para os electores. En lugar diso, preséntase unha mostra das papeletas nunha especie de "vitrina expositora", recomendando aos votantes que descarguen as papeletas de internet e as fotocopien" indican dende o partido. Denuncian a "clara contraposición coa lexislación vixente" explicando que os consulados son espazos da competencia do Estado, que ten a responsabilidade de garantir o proceso de votación normalizado e sen irregularidades.  A situación é especialmente preocupante, segundo o Partido Galego, porque "evidencia unha discriminación respecto dos migrantes doutros países que exercen o seu dereito a voto nos consulados do Estado Español sen inconvenientes", afirman. Ademais, o partido critica a falta de mecanismos adecuados para a inscrición no Rexistro de Matrícula Consular e no Censo de Electores de Residentes Ausentes (CERA). Sinalan que os actuais procesos son "complexos e cheos de obstáculos", dificultando a participación electoral dos emigrantes.

A crítica do Partido Galego non se limita só á falta de papeletas. Tamén lanzan unha dura crítica ao sistema de votación presencial, que desanima a moitos emigrantes a participar, especialmente en Europa e América. Estes continentes, obxecto de plans estratéxicos políticos do partido, son cruciais para reforzar os lazos culturais, familiares e empresariais que unen ás comunidades galegas no exterior. O Partido Galego enfatiza que os dereitos persoais a exercer "o ben máis prezado da democracia, o poder de votar", deben estar garantidos para todos os galegos, independentemente de onde se atopen. Asegurar un proceso electoral xusto e accesible é fundamental para o benestar social e o fortalecemento das conexións entre Galicia e os seus cidadáns no exterior.

Nesta loita pola igualdade de dereitos electorais, a candidata do Partido Galego ás eleccións ao Parlamento Europeo, Olga Dourado González, está a desempeñar un papel destacado. A súa implicación e compromiso co benestar dos galegos na emigración reflicten a determinación do partido para "abordar estas inxustizas e traballar por unha democracia máis inclusiva e xusta para todos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta