Por Galicia Confidencial | Otawa | 28/02/2020 | Actualizada ás 11:00
Ottawa toma o seu nome do río que a separa de Gatineau, ao norte. Os algonquíns, os primeiros habitantes da rexión, chamaban a este "Kichesippi" ou “Gran Río”. Séculos despois os comerciantes franceses de peles poñerianlle o nome da tribu dos Ottawa (Outaouais en francés). A partires do paso do explorador Samuel de Champlain, en 1613, cazadores e comerciantes usaríano como ruta cara u oeste ata que, coa fin de Nova Francia en 1759, a área pasou a control británico e os colonos procedentes de Estados Unidos comezaron a ocupar esas terras.
Ottawa pertence á provincia de Ontario, e Gatineau a Quebec. Ainda que son municipios separados, ambas forman a rexión da capital nacional, moi extensa, con mais dun millón de habitantes, pero se temos en conta todos os suburbios e áreas urbanas adxacentes, como Gloucester, Nepean, Kanata ou Orleans, a cifra elévase a mais de dous. O centro da cidade, ou Downtown, é sobre todo administrativo, comercial e turístico. Nel atopamos os grandes museos nacionais, como o da guerra, o de historia, o das ciencias ou o de historia natural, todos eles de bela factura e moi interesantes. O Parlamento atópase nunha pequena elevación coñecida como Parliament Hill, e ademais de albergar gran parte dos edificios gubernamentais, é a sede lexislativa do país.
A zona comercial, sobre todo a mais turística, concéntrase un pouco mais abaixo, en torno a Bayward Market, onde atopamos mercado ao aire libre e tamén cuberto, así como o famosísimo Rideau Center, que leva o nome deste río, afluinte do Ottawa. Os canadienses gábanse de ter aquí a pista de patinaxe mais longa do mundo, xa que o río Rideau bifúrcase nunha canle artificial de varios kms que no inverno se conxela.
Algo que me chocou enormemente en Ottawa foi a súa rede de transportes. Para ser unha gran cidade e capital do país, o sistema de transporte ainda se basea, sobre todo, no autobús. Se temos en conta as temperaturas no inverno, que poden chegar a baixar de -30, non parece que esperar de noite ou pola mañán cedo nunha parada, moitas delas sen calefacción, sexa unha situación moi agradable. Ainda que a frecuencia de vehículos é abondante e cubre toda a área urbana, para chegar dunha punta a outra precísase a veces, dependendo das combinacións, unha ou incluso dúas horas. Para mellorar esta situación inaugurouse un metro de superficie en outubro de 2019, ainda que a coordinación co sistema de autobuses non sempre é axeitada.
Canadá é un dos países co aire mais puro do mundo, e o cinturón verde de mais de 45km que rodea Ottawa contribúe a ter a sensación de estar en plena natureza no medio da cidade. O parque mais grande da área metropolitana atópase en Gatineau, creado en 1938, e cun perímetro duns 180kms. No seu interior podemos atopar sendeiros, lagos e, sobre todo, bosques que se tinxen na explosión de cores do outono coñecida como “Fall Rhapsody”.
Logo, o longo inverno tinxe de branco e azul de neve e xeo todos estos paraxes, con temperaturas que chegan a baixar dos -30, e que non arredan aos habitantes da cidade a sair e disfrutar das actividades invernais, como o esquí de fondo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.