Por E.P. | VIGO | 28/02/2020 | Actualizada ás 19:43
O grupo de automoción PSA puxo en marcha un protocolo de medidas de prevención e actuación ante a expansión do coronavirus, que se aplica en todas as factorías e centros, e que inclúe limitacións nas viaxes internacionais de traballo e restricións aos visitantes procedentes de zonas de risco.
Segundo comunicou a multinacional, elaborou unha lista de países con zonas de risco, como a China continental e Hong Kong, Macao, Singapura, Corea do Sur, Italia e Irán.
Os visitantes procedentes deses países terán restricións no acceso aos centros do grupo, e pediuse a todas as persoas que veñan deses lugares ou que estivesen neles nos últimos 14 días que eviten entrar nas plantas de PSA.
Con respecto aos empregados que poidan ter contacto co coronavirus, ben por estar nesas zonas de risco ou por ter contacto con persoas que viaxaron alí e foron diagnosticadas, PSA indicou que "deben porse en contacto inmediatamente" cos servizos médicos do seu centro de traballo.
PSA tamén limitará as viaxes internacionais "ás misións estritamente esenciais" e deberán ser "validados pola dirección das áreas". "Do mesmo xeito, cando sexa necesario viaxar, só se poderán organizar reunións estritamente imprescindibles nos emprazamentos do grupo PSA ou noutros lugares", engadiu fontes da compañía.
TRANSPORTISTAS
Tras lembrar que as recomendacións para a prevención da gripe (evitar contacto físico, lavarse as mans regularmente ou estornudar na parte interna do cóbado) "son válidas tamén neste caso", PSA informou de que a Dirección de Supply Chain estableceu un protocolo específico para os transportistas procedentes de áreas de risco.
Así, xa se están aplicando medidas para evitar o contacto entre os condutores procedentes de zonas con circulación activa do virus e os traballadores dos centros.
Finalmente, e con respecto ás posibles repercusións da crise do coronavirus na área loxística, PSA informou de que mantén "un equipo de seguimento que analiza a diario a situación". "Existen tensións, pero non se prevén efectos a curto prazo sobre a actividade", engadiron fontes do grupo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.