O agricultor da Limia denunciado por Coren reafírmase en que esta empresa contamina con xurros

Manuel García, agricultor da Limia e membro do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL), rexeitou a conciliación coa empresa Coren nos xulgados de Xinzo de Limia. A empresa pídelle un millón de euros.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 02/03/2020 | Actualizada ás 16:28

Comparte esta noticia

Manuel García acudiu aos xulgados de Xinzo durante a mañá deste luns, para participar no acto de conciliación entre el e os representantes da empresa alimentaria Coren. O  acto de conciliación acabou coa reafirmación de García sobre as súas palabras nun programa de RTVE, “España Directo”. Por ditas declaracións, Coren demandou ao agricultor e activista do MEL. Agora, logo que o agricultor non se retractase, a empresa ourensá ten catro anos para activar unha demanda por un millón de euros.

Camión de Coren descargando purin de granxas de polos nunha leira do Val da Limia
Camión de Coren descargando purin de granxas de polos nunha leira do Val da Limia | Fonte: MEL

Diante das portas dos xulgados medio cento de agricultores esperaban a García antes de entrar nas instalacións xudiciais. Mostraban o seu apoio ao agricultor que acudía aos xulgados seguindo unha citación previa.

Os feitos ocorreron en setembro de 2019 cando o programa de RTVE, “España Directo” emitía unha reportaxe sobre a contaminación por algas dentro do embalse das Cunchas no río Limia. Durante a emisión, Manuel García mostrou unhas imaxes gravadas onde se vía un aspersor esparexendo xurro nun prado.

Segundo as palabras de García, o monte era comunal, mentres que as augas residuais vertidas polo aparello, procedían dunha granxa propiedade de Coren. A raíz disto, o pasado 4 de febreiro o agricultor recibía un burofax segundo o que se lle comunicaba que a empresa cárnica comezaría accións legais contra o activista e agricultor.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta