Os traballadores de Meirama inician unha folga indefinida

Será a partir deste martes "para conseguir un compromiso de investimento" por parte da compañía co que manter os postos de traballo tras o seu peche, programado para o 30 de xuño.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2020 | Actualizada ás 18:19

Comparte esta noticia

O comité de empresa da central térmica de Naturgy en Meirama, no municipio coruñés de Cerceda, decidiu "por acordo maioritario" convocar unha folga indefinida a partir deste martes "para conseguir un compromiso de investimento" por parte da compañía co que manter os postos de traballo tras o seu peche, programado para o 30 de xuño.

Central térmica de Meirama
Central térmica de Meirama | Fonte: Europa Press

Os traballadores explican que, despois de varias reunións mantidas coa dirección de Naturgy entre os meses de novembro e febreiro, a empresa "non vai realizar ningún investimento nas comarcas afectadas no futuro próximo".

"Soamente está 'a estudar' a construción a longo prazo de dous parques eólicos, incumprindo o previsto nos plans de transición xusta do Ministerio de Transición Ecolóxica para as zonas afectadas polo peche de minas e centrais térmicas de carbón", engade o comité.

Así, os empregados lamentan que Naturgy "descarte" a conversión da planta á biomasa ou ao biogás, "cuxo estudo solicitara a Xunta de Galicia". Paralelo a iso, tamén critican que a compañía "tampouco contemple ningunha alternativa laboral" para as auxiliares.

"Ante esta situación e como último recurso para conseguir un compromiso de investimento na comarca, que permita o mantemento dos postos de traballo, o comité de empresa da central térmica de Meirama, por acordo maioritario, realizou a convocatoria legal dunha folga indefinida que dará comezo o día 10 de marzo de 2020", é dicir, este martes.

Non en balde, os traballadores critican que Naturgy "rexeitase" a solicitude de mediación que presentaron ante o Consello Galego de Relacións Laborais da Xunta e que se tivesen que decatar da solicitude de peche, presentada en decembro de 2018, "polos medios de comunicación".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta