Por Galicia Confidencial | Otawa, Canadá | 12/03/2020 | Actualizada ás 11:55
Chegamos a Ottawa o 12 de Novembro, o día despois do “Remembrance Day” , ou día da Lembranza. Ás 11:00 do undécimo día do undécimo mes, os países da Commonwealth honran a memoria dos caídos nos diferentes conflictos. A data tamén é coñecida familiarmente como “Poppy day”, ou día da Papoula, flores que son deixadas por centos nos monumentos e tumbas, e coincide co momento en que se asinou o armnisticio co exército alemán, en 1918, dando fin á Primeira Guerra Mundial.
A razón de que esta flor sexa o símbolo podemos buscala en diferentes teorías. Uns din que é debido a que representa o vermello do sangue dos mortos. Outros que era a única flor que crecía nos campos de batalla de Francia na Grande Guerra. Pero onde mellor atopamos a explicación é no poema do teniente coronel John Alexander Mcrae. Este médico, militar e poeta canadiense serviu por aquel entón en Francia como cirurxán e escribiu o famoso poema “Nos campos de Flandres”:
“As papoulas ondean nos campos de Flandres .
Entre as cruces, fila por fila,
que marcan a nosa morada e no ceo
os alondros cantan valientemente, en voo
calado entre os canóns alí abaixo.
Somos os mortos; hai poucos días
vivimos, caimos, observamos a luz do mencer;
amamos e fomos amados e agora xacemos
nos campos de Flandres!
Continúa a loita co destino:
A ti desde as mans caidas, lanzámosche
o facho; que sexa teu e sostido en alto.
Se perdes a fe en nós, os mortos,
non poderemos durmir, aínda que as amapolas medren
Nos campos de Flandres!”
Ottawa está repleto de monumentos aos caídos nas diferentes participacións nos conflictos bélicos. De todos estes podemos atopar mostra no Canadian War Museum, un imponente edificio deseñado polos arquitectos Moryama & Teshima, de Toronto, e Griffiths Rankin Cook de Ottawa, que o concebiron aliñado coa Torre da Paz do edificio do Parlamento. No seu interior, á dereita segundo entramos, atopamos unha solemne e sinxela sala, o “Memorial Hall”, que somentes contén unha lápida ao soldado descoñecido de Canadá, traida desde a Francia da Grande Guerra. Cada 11 de novembro, ás 11 da mañán, a luz do sol entra pola única xanela existente, e a ilumina directamente, nun espectáculo íntimo e sobrecolledor.
Ottawa alberga outro pequeno tesouro na memoria dos caidos e na memoria, tan desgrazadamente esquecida e menosprezada, dos que loitaron por un ideal de libertade e lealtade á democracia española. Falamos do monumento ao Batallón Mackenzie-Papineau, unha unidade de voluntarios que participaron na nosa Grande Guerra, a Civil Española. Utiliza o nome de dous políticos reformistas do século XIX, e combatiu formando parte das Brigadas Internacionais, en apoio da República española e en contra do exército fascista do xeneral Franco. O número de membros foi de algo mais de 1500, dos que morreron mais de 700 en combate, sendo por tanto Canadá o segundo país en número de membros aportados ás Brigadas despois de Francia, en proporción á súa poboación.
Os “Mac-Paps”, como eran coñecidos popularmente, loitaron no Jarama, en Teruel e no Ebro, e algúns deles remataron no campo de concentración de San Pedro de Cardeña. O goberno de Canadá, consciente de que cidadáns do seu país combatían en España en contra da decisión internacional de non intervención, negoulles o retorno ata xaneiro de 1939. Trala Segunda Guerra Mundial algúns veteráns reclamaron un recoñecemento oficial como os primeros canadienses que se enfrentaron ao fascismo emerxente en Europa, pero ata case entrado o século XXI nunca foron recoñecidos.
Entre as moitas homenaxes realizadas ao longo do país atopamos o monumento inaugurado no “Green Island Park” de Ottawa, na desembocadura do río Rideau. Nel se representa a un soldado levantando o puño, como se estivera a cantar a Internacional, acompañado da bandeira nacional. Nunha beira figura o nome dos integrantes do batallón, e noutro unha placa reproduce, en inglés e francés, parte do discurso que Dolores Ibárruri, a Pasionaria, pronunciou para despedir ás Brigadas no porto de Barcelona en novembro de 1938:
“Podedes partir con orgullo. Sodes historia. Sodes lenda. Sodes o heroico exemplo de solidaridade coa democracia e a universalidade. Non vos esqueceremos. ¡E cando a oliveira da paz agrome novamente, volvede! … Todos vos atoparedes o amor e a gratitude de tódalas xentes españolas que agora e no futuro berrarán de todo corazón “¡Longa vida aos heroes das Brigadas Internacionais! “
Non se chegaría a imaxinar, nin a Pasionaria nin moitos daqueles bravos homes, que non. Que non tódalas xentes españolas os honrarían. A día de hoxe non somos quen de facelo cos nosos caidos pola libertade, e moitos deles ainda repousan en cunetas e fosas comúns.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.