Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/03/2020 | Actualizada ás 16:05
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recoñeceu este domingo que o Sergas ten medio millóns de máscaras en depósito e que pode aguantar a actividade nos distintos hospitais, polo menos, dúas semanas máis. Un material que, con todo, non chega a determinados servizos sanitarios, entre eles os das ambulancias, que se queixan de que están traballando baixo mínimos.
Nunha rolda de prensa virtual, Feijóo dixo que toda a cadea sanitaria do Sergas consume 250.000 máscaras. “Desde comezos de marzo só recibimos do Goberno central un total de 27.000 unidades, 10.000 só desde o Estado de Alerta”, dixo para criticar que o Goberno central non envíe material a Galicia.
“Tiñamos moitísimas en stock e aínda temos máis de medio millóns a disposición dos hospitais. Distribuímos este domingo 15.000 a centros da terceira idade e se recibiramos máis de Madrid teríamos un problema menos e só nos centrariamos en atopar respiradores e test rápidos”, indicou. Así, insistiu en que o Sergas tiña “depósitos bastante surtidos” na súa plataforma loxística e que “isto dá para dúas semanas”, pero indicou que “temos que axudar á FEGAMP”.
COMPETENCIA ENTRE AUTONOMÍAS
Por outra banda, o presidente galego dixo que ordenou ao Sergas comprar material pola súa conta, a pesar da orde do Goberno central para centralizar esta compra e evitar que algunhas autonomías, como Madrid, queden desabastecidas. “Falamos diso na xuntanza que tivemos co presidente pero non quedou claro esta instrución e se esa instrución queda sen efecto ou non. Eu entendín que si. E temos xa encargos de 8 millóns de máscaras”, dixo sobre a videoconfeencia de presidentes que tivo lugar este domingo.
Por iso, e preguntado sobre as prioridades do Executivo central á hora de redistribuír ese Material, Feijóo recoñeceu que hai lugares, como Madrid, máis vulnerables. “A situación en Madrid é dramática e hai que priorizar, pero en situacións graves con Galicia non podemos parar a actividade asistencial”, limitouse a responder para defender que Galicia merque o seu propio material.
Ademais das oito millón de máscaras encargadas, “que por precaución non vou dicir á data na que chegarán”, indicou, a Xunta pediu tamén “113 ventiladores para UCI e 134 ventiladores para cubrir as previsións das vindeiras semanas”. “Faltan batas e traxes. Temos gafas de protección aínda que imos comprar 2.000 e tamén ventiladores, pero esperamos tamén poder fabricar aquí”, indicou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.