Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/04/2020 | Actualizada ás 11:28
A Xunta elimina a autorización previa administrativa para a talla de eucaliptos e piñeiros en terreos con protección especial, polo que só será necesaria unha declaración responsable para levar a cabo as curtas.
Este mércores, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a orde conxunta das consellerías de Medio Rural, Medio Ambiente e Infraestruturas pola que se aproban os novos pregos de condicións.
Deste xeito, o Goberno galego prevé que se presentarán 15.000 declaracións responsables que antes debían tramitarse como autorización. As especies afectadas en terreos con algún réxime de protección ou por lexislación de protección de dominio público son: eucalipto, piñeiro galego ou do país, piñeiro de Monterrey, piñeiro de Oregón e acacia negra.
De tal forma, a partir de agora non será necesario obter informe previo do órgano sectorial competente co fin de axilizar trámites, segundo destaca o Goberno galego.
Ademais, esta orde contempla tamén os condicionantes no tocante ás distancias de plantación recollidas na lei de prevención de incendios que teñen que cumprir as curtas das especies sinaladas en zonas de protección de estradas e de conservación do patrimonio natural.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.