Por admin | | 19/04/2020
Moitos agardavamola. Só descoñeciamos que traza havería ter. E a traza foi súpeta, como
un verme roedor que todo o destrúe insensivelmente cunha renartería vil, a se mascarar de
solidariedade. Como un animálculo intestinal, lombriga mastodóntica de corpo mol, larva
metaforfoseada que simula nos protexer mentres nos vai engulindo e corroendo de vagar.
Envoltos nuns aplausos teledirixidos, como vítimas propiciatorias que se autoinmolan, os
hópedes do medo resignáronse a albergar as larvas nas súas proprias moradas. Lelos e
ledos de ser farándula a representar o grande espectáculo planetario dun acuartelamento
sen barrotes nin réxime de visitas, cunha liberdade condicional aproveitada para o
avituallamento indispensabel e o rendemento da forza de traballo para as grandes empresas
globais, esas que agasallan unhas pingas da suor proletaria en doazóns de luvas ou
máscaras. Nos embigos da institución familiar, as xentes votan dende o encerramento os
seus proprios grillóns de milicia voluntaria, engordando o nível de audiencia desta distopía
real.
Moitos foron os síntomas ignorados pola parasitoloxía oficial. Tempo há que nos sabiamos
ollapados polo gran ollo -como aquel do conto diesteano- baixo a cutícula do grande
irmao. Os vermes roedores do big data a luir nos datos dos nosos periplos cotiás, físicos e
virtuais, na voracidade da caza de tendencias. A axexar nas nosas cobizas moldeadas para
nos vender os sucedáneos de desexos do mercado. Era o prezo que estavamos dispostos a
pagar por adurmiñar o isolamento e o cansazo das xeiras inútiles de escravos. O prezo por
wasapear ou enredarmonos nesas redes que nos achegan na distancia a medida que nos
arredan na cercanía. Tempo há que sofriamos esas súas células diferenciadas agrupadas en
tecidos ao cárrego das forzas de seguridade do Estado, esas células que, co gallo de nos
protexer, batían na moitedume mobilizada pacíficamente nas rúas, esa moitedume
indignada que reclamava o cumprimento dos dereitos básicos da Constitución: pan,
vivenda, traballo digno, educación, cultura, liberdade... Esas células parasitarias que batían
sen arrubecer contra xubilados desafiuzados das súas vivendas, agora agasalladas a uns
fondos avutres de metazoos parásitos, consanguíneos da clase dirixinte. As mesmas células
que piolinizaran o porto de Barcelona co G-36-E, o novo fusil de asalto dos abandeirados
do 155.
Havía tempo, si, e moito, que renunciaramos á nosa privacidade polo nudismo dixital, por
un segundo de gloria nas redes sociais. Havía tempo que sabiamos das represalias dos
Marlaskas e afíns, das leis antiterroristas lesivas cos dereitos fundamentais, das detencións
irregulares de independentistas por motivos ideolóxicos, da tipificación de novos delitos
como o autoadoutrinamento que permitían ás forzas heterótrofas espallar a helmintiase
para disolver a capacidade crítica do corpo social que aínda tentava vivir ao abeiro deses
parásitos hermafroditas.
Moitos agardavamola, mais todo foi en valuto. Non estavamos preparados. Escasas
revistas de parásitos era quen de publicar as posibeis terapias para tratar as doenzas
autoinmunes. E estas se perdían nun magma de datos combustibeis bradburiáns e
duvidosos fakes a avivecer a indiferenza. No estado larvario, a verdade xa non precisava
inquisitores tonsurados para se velar.
Así foi como as larvas foron infestando, casa por casa, a todos os hóspedes do medo
aproveitando as baixas defensas que o pánico ía causando no espírito gregario. Cada casa tiña as xanelas abertas a estes gusanos prestos sempre á delación. De corpo mol, orgullosos
títeres sistémicos dispostos a amosar diante das súas proprias gravacións o protagonismo
na caída da presa, esa que antes fora o seu veciño. Somentes por un minuto de gloria nas
pantallas.
O ministerio de transportes larvario parasita agora os nosos sangumiños, diagnostica o
intestino cego para controlar as nosas feces xa antes de que cheguen ao recto coa coartada
de nos facilitar unha dieta máis saudavel. Os militares, embutidos en batas brancas,
diagnostican os nosos movementos nun reclutamento forzoso baixo a ameaza duns efectos
secundarios que enchen todos os telexornais. Como sumisos soldados, heroicos
voluntarios fabrican máscaras caseiras nun arrouto salvífico de redención cuaresmal. O
mesmo ten o valor social. Nenos, xubilados, monxas ou ertes potenciais a producir o que
San Amancio é quen de sobardar nun carismático mecenádego deslocalizado. Máscaras
personalizadas con bandeiras, debuxos infantís, esponsorizadas ou esportivas. Máscaras
dunha mascarada solidaria que pretenden medir o nível de cidadanía veciñal, namentres os
traballadores da saúde, da alimentación e coidados, do transporte... arriscan a vida como
uns herois obrigados no medio dun mar de aplausos. Máscaras en molde de xeso que se
facían para conservar a faciana dos cadavres e que nesta pandemia deverían se elaborar
nas residencias de anciáns.
Sairemos deste estado larvario inmunizados ao virus de Wuhan, afeitos xa á cesión dos
nosos dereitos fundamentais, os de livre reunión e circulación, o dereito á intimidade, os
dereitos laborais, os dereitos universais da infancia...en nome dun Estado paramilitar que
nos acuartela nun estado de excepción, encuberto nun de alarma, suspendendo os máis
elementais dereitos democráticos. E o máis abraiante, sen o menor chío de insumisión ou
descontento. Nun isolamento paradoxal hipercomunicado. Sen nin sequera saber de certo
se nestes tempos de confinamento, os okupas foron desokupados. Ou alerta por se o sorriso
do outro agocha unha coitelada preventiva nas nosas costas.
As larvas da posmodernidade, que xa rillaran a fins do século pasado os alicerces
ideolóxicos da xustiza social co seu rancio eclecticismo bursátil, confínannos nos nosos
fogares para instalar neles as novas penitenciarías, oficinas de teletraballo, tendas online,
bancas electrónicas, centros de teleensino, telemedicina, videoconferencias, teleocio... nun
novo cercamento de pago fácil para espalancar as portas dun capitalismo totalitario máis
velaíño e perigoso que aquel que cercou os campos ingleses, forzou o éxodo rural e deu
lugar a acumulación orixinaria da que Marx xa alertava, esa que puxo en pé o sistema de
explotación capitalista.
IOLANDA TEIXEIRO REI
FERROL
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.