Os concellos preparan os espazos abertos para a saída dos menores á rúa

Tamén se está a traballar na confección de máscaras infantís para que os máis pequenos poidan protexer e protexerse cando saian á rúa.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/04/2020 | Actualizada ás 13:38

Comparte esta noticia

Os concellos galegos preparan os espazos abertos públicos para a saída das crianzas á rúa, tanto a través da desinfección das rúas como co acondicionamento das zonas verdes permitidas e outros puntos que poden ser frecuentados polos menores de 14 anos e os seus pais a partir deste domingo.

A pesar de que os parques infantís e biosaludables seguirán pechados para uso público, os menores si que poderán gozar doutros espazos ao aire libre que os gobernos locais tratan de acondicionar e pór a punto para o seu uso a partir do domingo.

É o caso dos municipios de Lugo, A Coruña ou Pontevedra, que seguen executando os labores de desinfección das rúas e ao mesmo tempo acondicionan estes espazos para a entrada en vigor da nova orde do Goberno estatal.

Ao mesmo tempo, todos piden aos pais actuar con "responsabilidade" para que o proceso de desescalada non actúe contra os efectos buscados e lembran que os menores poderán gozar do aire libre a menos dun quilómetro dos seus domicilios.

Ante este escenario, o concello de Pontevedra procedeu a reabrir diversas zonas verdes que estaban precintadas e das que agora "os máis pequenos poderán volver gozar cos seus familiares".

Pola súa banda, o consistorio de Lugo reincorporou á totalidade do persoal de mantemento para adecuar as zonas verdes ás que se poderá acceder con esta nova orde. Ademais, apelan a un "comportamento exemplar", que se manteñan as medidas de precaución antes, durante e despois dos paseos e se sigan os rituais de desinfección.

Na mesma liña, A Coruña asegurou que todas as "prazas e parques estarán listos para usar tras os traballos de fumigación e nebulización que se realizan desde o xoves" desde a concellaría de Medio Ambiente.

Esta administración decidiu actuar en diferentes puntos da cidade en base a criterios de densidade de poboación e se existen zonas verdes neles.

MÁSCARAS INFANTÍS

Ademais, noutros puntos de Galicia está a traballarse na confección de máscaras infantís para que os máis pequenos poidan protexer e protexerse cando saian á rúa.

A área de Participación e Servizos para a Veciñanza de Lugo enviará un destes produtos a cada neno censado na cidade. Así, a través dun comunicado o concello informou que o primeiro envío supón unha partida de 3.000 máscaras.

A mesma idea xurdiu na localidade coruñesa de Cariño, na que a veciñanza produce máscaras infantís para repartir entre as crianzas do municipio.

Zonas verdes de Lugo. CONCELLO DE LUGO
Zonas verdes de Lugo. CONCELLO DE LUGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta