A "escravitude laboral" da Xunta no Sergas: “Eu levo 600 contratos en seis anos”

“Isto é un novo modelo novo de escravitude. Somos o detrito dos eventuais”, asegura Diego que leva seis anos da súa vida pegado a un teléfono durante as 24 horas agardando unha chamada do Sergas. Como el hai un cento de persoas que son contratadas por horas.

Por Xurxo Salgado | Santiago de Compostela | 27/04/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Diego é enfermeiro de Atención Primaria na Xunta. Adora o seu traballo e, sobre todo, estar no primeiro chanzo da sanidade pública, coidando e atendendo dos que acoden os centros de saúde. Leva traballando no Sergas seis anos pero a súa situación laboral non se corresponde en absoluto coa responsabilidade que ten, que é a de coidar e salvar vidas.

El é un dos medio cento de persoas que están na que podería ser a peor lista laboral da Xunta, no coñecido como “pull sanitario”, un sistema de contrato por horas que se aplica entre parte do persoal sanitario da Atención Primaria e da Atención Especializada. “Somos o peor do peor na sanidade”, suliña en declaracións a Galicia Confidencial. “A nós se nos contrata por horas, por días e imos acumulando contratos por días cun máximo de catro”, asegura.  

É dicir, segundo este sistema laboral do Goberno de Feijóo Diego e os compañeiros que están nesa lista non poden desfrutar de máis de 4 días de contrato. Isto provocou que ao longo de seis anos de traballo no Sergas tivera asinado máis de 600 contratos, algúns de só dúas horas.

VIVIR PEGADO A UN TELÉFONO

E iso que implica, “pois que ao longo do mes estamos pendentes do teléfono ás 24 horas e os 30 días do mes”. É dicir, que a dispoñibilidade de Diego “é total” e, ademais, á Xunta, esa dispoñibilidade sáelle “gratis”. Se el non atende ese teléfono cando o chaman ou non ten unha razón xustificada, sería penalizado e o Sergas podería deixar de chamalo durante un ano.

Neste sistema de case escravitude laboral aplicada pola propia administración só cotiza o día que traballa e o que traballa non puntúa para as listas de contratación. Tampouco ten dereito a paro, nin vacacións. Un dos logros que acadou este colectivo, se se lle pode chamar logro, é que non os chamen durante un mes para poder desfrutar dunhas vacacións. Iso si, son vacacións non remuneradas e que non poden collerse no período no que todo o mundo vai de vacacións.

“Pero estas vacacións o único que é son unha suspensión de chamamentos. Non cobramos, pero non temos que estar pendentes do teléfono as 24 horas”, di. “Precisamente eu xa te collín a ti pensando que me chamaban do Sergas”, asegura a este xornalista. “Vivimos pegados e pendentes ao teléfono”, engade. O outro logro foi este verán; conseguir os contrataran durante dous meses.

A “NOVA ESCRAVITUDE”

E para que utiliza o Sergas a este persoal?... para cubrir as peores horas. Así, a Diego e ás súas compañeiras chámannos para traballar un domingo. “Unha garda de domingo son 24 horas que son como tres quendas de traballo normais. Pero a nós só nos contrata para traballar ese domingo como se fora só unha queda”, asegura.

“Este é un modelo novo de escravitude. Somos o detrito do persoal eventual do Sergas”, critica este mozo que non pode saber canto vai cobrar ao mes. Agora son 16 os profesionais que están na súa situación na Atención Primaria e 45 na especializada dun colectivo que chegou a superar as 200 persoas.

LOITANDO CONTRA O CORONAVIRUS

E pesar da súa situación laboral este persoal tamén loita día a día contra o coronavirus, especialmente, nos primeiros días. “Somos os que máis mantemos o sistema. Se unha enfermeira se pon enferma ao momento pois xa nos chaman a nós. Somos imprescindibles”.

Pero, curiosamente, desde hai dez días xa non o chaman. “Isto nunca antes me pasara porque está todo a sanidade ao mínimo”. E, claro, o Sergas aproveita a situación. “É un xeito de reducir contratación e aforrar diñeiro. E se hai baixas, pois non se cobren”, indica, “así temos a peor ratio de enfermaría por habitante de toda Europa”. Pero, a Xunta iso semella non importarlle e, aproveitando a crise do COVID-19, anunciou que no futuro apostará pola atención telefónica. Outro xeito máis de ir aforrando na sanidade e afondando a escravitude laboral de certos colectivos.

Persoal sanitario atendendo a un paciente con coronavirus nunha sala da UCI do hospital
Persoal sanitario atendendo a un paciente con coronavirus nunha sala da UCI do hospital | Fonte: médicos e enfermeiros

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 18 comentarios

2 facenda andaluza sergas

Eu levo sobre 800 en 16 anos... e que claro non fixeron oposicions en 10 anos e agora que???

1 José

Unha manada de delincuentes políticos, unha chusma. Cómo se pode votar a un partido así? Hai que estar mui enganado ou ser mui limitado.