Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/05/2020 | Actualizada ás 21:45
"Se hai unha Comunidade que, desde o principio, fixo unha aposta polo incremento de contratación, foi o Sergas. Desde que comezou esta pandemia fixemos 1.000 contratos”, dixo o presidente galego Alberto Núñez Feijóo o pasado sábado. Respondialle así a Galicia Confidencial que lle preguntaba sobre a precariedade laboral de moitos profesionais sanitarios, algúns con acumulación de 600 contratos en seis anos.
O sindicato sanitario Prosagap acaba de contestarlle ao presidente galego. “Menos mal que sabemos que mente e o fai mal, porque de ser certo merecería o cárcere!!”. A través dun comunicado, esta entidade cualifica de “mundo imaxinario” os datos aportados por Feijóo.
Neste sentido, lembran que se eses supostos 1.000 contratos dos que fala Feijóo se dividen polos 14 hospitais galegos “tocarían a menos de 72 contratos en cada un deles”. “Contaremos só as categorías que máis se necesitaron reforzar como son: celadorxs, tcaes, enfermeirxs, médicxs, técnicxs de raios e laboratorio, o que suporía que de cada unha desas categorías se contrataron a 12 profesionais”, engade.
E continúa este sindicato debullando os datos de Feijóo. “Para aumentar un profesional por quenda (tendo en conta que nos hospitais se traballa as 24 horas) se precisan contratar mínimo a 5 profesionais de cada categoría (1 para cada quenda e 2 para cubrir os seus descansos). Polo tanto, con 12 profesionais so poderíamos aumentar a plantilla en 2 traballadorxs por cada quenda de traballo, é decir, teríamos en cada hospital a presencia a maiores de 2 enfermeirxs, 2 celadorxs, 2 médicxs…”, apunta.
Polo tanto, pregúntase se a Xunta “está a presumir de que reforzou a Sanidade com dous profesionais máis por quenda de cada categoría en cada hospital?”. “Menos mal que sabemos que mente e o fai mal, porque de ser certo merecería o cárcere!!”, conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.