As casas rurais collen impulso fronte á Covid: "Temos un montón de peticións para xuño"

O Trisquel, unha casa rural da Veiga, ten o último fin de semana do mes de xuño ao completo. O seu xerente, Marcos Pérez, augura unha aposta máis xeralizada polo turismo rural debido á "teima de escapar da masificación", aínda que dubida que se manteña no tempo.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/05/2020 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

As casas de turismo rural atópanse "á expectativa" da evolución da pandemia a nivel sanitario e a nivel económico e social. Se ben teñen permitida a súa reapertura a partir da fase 1, que nun principio dá comezo o 11 de maio, moitas delas consideran que ata que non se abra a circulación entre provincias non poderán permitirse retormar a actividade. Marcos Pérez, xerente da casa rural O Trisquel, na Veiga (Ourense), fala de que a súa intención é non abrir ata o mes de xuño.

O Trisquel, casa rural na Veiga, Ourense
O Trisquel, casa rural na Veiga, Ourense | Fonte: O Trisquel

Por varias razóns, explica. A primeira delas porque non queren recibir unha persoa contaxiada e converterse eles mesmos en contaxiadores. A segunda, porque consideran que canto máis evolucione esta situación, máis información haberá sobre como protexerse. "Agora as medidas son unha incerteza, igual fago unha inversión e logo non nos serve", recoñece. E terceira razón, porque o turismo rural do Trisquel "é achegado, de proximidade" e funciona a xeito de "casa familiar". "Moitas veces acabamos todos nunha grata conversa pola noite... Romper esa barreira de proximidade ao non poder estar en grupo ou non poder usar as zonas comúns vai ser o máis custoso de levar", conta Pérez.

FINS DE SEMANA COMPLETOS EN XUÑO

Agora ben, reservas de clientes non paran de chegar. "Estamos tendo un montón de peticións para xuño". De feito, o último fin de semana dese mes xa o teñen ao completo. "A xente afástase da primeira quincena, pero aínda así, creo que debemos ser moi honrados neste sentido. Noutro momento pediriamos un tanto por cento, pero agora nós reservamos e informamos de que se as circunstancias melloran manteremos a reserva, e se non, cancelarémola".

A meirande parte destas peticións son de persoas que xa coñecían O Trisquel e que repiten a experiencia un ano máis. "Neste momento, cústame pensar que un cliente novo de Barcelona estea buscando unha casa en Galicia, pero como aquí a incidencia é menor, non descarto que poida haber unha afluencia maior por esa teima de escapar da masificación", relata Marcos Pérez. E é que quizais este sexa o momento no que outro modelo de turismo sostible se antepoña aos destinos habituais. As casas de turismo rural son pequenas, están máis illadas e non xeran aglomeracións, cuestións que de aquí en diante se terán moi en conta á hora de organizar as vacacións. 

MAIOR APOSTA POR UN TURISMO SOSTIBLE?

"Poida que nun primeiro momento cambie o modelo", pensa Pérez. "Pero sendo pragmático e realista, cando haxa vacina, dubido que non volvamos ver un turismo masificado, de costa, o mal chamado de sol e praia. Iso sería como pensar que o ser humano é fantástico, nunca falla e non volve cometer os mesmos erros unha e outra vez", engade. A "industria turística" move unha parte moi importante da economía e dela dependen moitos postos de traballo, de maneira que a aposta por un turismo máis sostible e respectuoso co medio ambiente, "por desgraza", pode producirse só "a curto e a medio prazo". Dependerá tamén da supervivencia das aeroliñas e dos tratamentos contra a Covid-19 nos próximos meses. 

No Trisquel cren nese turismo menos masificado dende hai 25 anos, cando abriron as súas portas. Agora, de cara ao futuro máis achegado, esperan un aumento de reservas por parte desas persoas que buscan "saír das cidades onde se vive máis confinado".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Charly

Hai que apostar polo turismo de calidade e non polo turismo masivo en pisos de alugueiro, que o único que traen é desfeita ambiental e que se encarezan os prezos de alugueiro para os veciños/as.