Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2020 | Actualizada ás 22:00
A Covid-19 chegou para darlle a volta ao mundo da noite á mañá. De súpeto vímonos recluídos nas nosas propias casas, coa saúde no punto de mira, cos nosos traballos no aire, e cun futuro moi incerto por diante. Cambiaron as dinámicas da vida, cambiaron as preocupacións, cambiaron as maneiras de nos relacionar... Nada se salvou de verse alterado. Ante tal escenario, seremos quen de aprender algo de cara ao futuro? Que cambiará e que permanecerá nese mundo que nos espera despois da Covid-19?
Hai quen augura un punto de inflexión a todos os niveis - social, económico e político - a raíz desta crise. Hai quen é máis escéptico e pragmático: esquecerémonos de todo isto cando a comunidade científica dea cunha vacina que nos salve desta enfermidade que confinou o mundo. E hai quen fala de que en nós quedará un pouso desa consciencia colectiva e dese sentido de fraxilidade do que nos decatamos nesta pandemia. Os balcóns e as xanelas convertéronse en todo un símbolo por seren os únicos ollos ao mundo, pero que pasará neles - ou que deixará de pasar - cando a Covid-19 xa non monopolice as nosas conversas?
"CAMBIANDO O CHIP"
Como sociedade quedamos "sintonizados" a unha escala mesmo planetaria, polo que reviviu en nós ese "sentido comunitario que se tiña totalmente perdido", relata a psicóloga do COPG Concepción Rodríguez. "De repente, pasamos a ter máis conciencia de que uns podemos afectar aos outros positiva e negativamente, e espero que isto quede e sexa aproveitado no futuro", desexa. Vanessa Rodríguez, psicóloga de Aseia, transita este mesmo camiño e fala dunha "ferida narcisista na sociedade capitalista e occidental". Esta pandemia fíxonos ver que "somos vulnerables" e que as grandes desgracias "non só son cousa dos países que quedan lonxe de nós".
Esta crise, así pois, igualounos co resto de persoas e fixo que cambiaran as nosas prioridades. "Comezamos a valorar colectivos de profesionais aos que antes non poñiamos en valor, vimos que as fronteiras serven de pouco fronte a unha pandemia, e que o benestar dos outros países tamén inflúe no noso benestar", prosegue Vanessa Rodríguez, que tamén cre que neste contexto se relegaron a un segundo plano as medidas de carácter psicolóxico e emocional "sen ter en conta que repercuten de maneira moi importante na saúde física". De feito, no servizo de Primeiros Auxilios Emocionais de Aseia dirixido a coidadores e adolescentes, Rodríguez observa que a pandemia "puxo en evidencia fraxilidades persoais, relacionais e emocionais que xa viñan de antes", cousa que valora positivamente.
Neste parón en todos os sentidos, a sociedade foi tamén máis consciente da vida rápida que levaba, marcada polo "traballo e máis traballo que demanda o capitalismo", fala agora a psicóloga Beatriz Guerra, de Chavert Psicología. "Creo que estamos cambiando o chip e dándonos conta do necesario de vivir con máis calma; quero pensar que logo disto seremos unha sociedade distinta". Porén, o camiño cara a ela resultará complexo. "Haberá moitos problemas de saúde mental: moita xente perderá o seu traballo, outra moita está convivindo con persoas coas que non quere convivir, haberá medo ao contaxio, e tamén estigma coa xente que estivo infectada...".
MÁIS ALÁ DA CLASE MEDIA
Á hora de facer unha análise dos cambios psicolóxicos que leva consigo esta pandemia, cómpre tamén cuestionármonos desde que posición estudamos esta crise. "Adoitamos facer unha análise bastante sesgada", considera Vanessa Rodríguez, "pensando nunha clase media -que terá máis ou menos dificultades económicas- e que pode pasar un confinamento no que pode suplir os encontros sociais con videochamadas e as saídas aos bares ou a teatros e cines con Netflix, HBO ou sesións vermút veciñais...". Mais a realidade é moito máis diversa fóra desa clase media: persoas en risco de exclusión, persoas inmigrantes sen papeis, persoas sen Internet nin outros "luxos" deste estilo...
"Mudaron as súas prioridades ou enfatizáronse as súas problemáticas?", cuestiónase a psicóloga. "Os discursos, as medidas e os consellos para pasar o confinamento que se sacaron dende diferentes entidades están pensadas para persoas que non se atopaban xa en situacións dramáticas", prosegue. Desta maneira, aquelas que xa antes estaban nas marxes mantéñense relegadas unha vez máis ao segundo plano. "Priorizamos o benestar dos que xa tiñan unha situación privilexiada".
Esta psicóloga pon tamén o foco no "corte adultocentrista" das medidas adoptadas. "Perdemos de vista que a escola ten unha función primordial que é a de socializar e a de igualarnos", relata. Por iso mesmo, sen ese apoio, fixéronse "máis evidentes" esas desigualdades para aquela cativada que non podía acceder aos contidos das plataformas por falta de Internet, de ordenadores ou por non contar con adultos que puideran acompañalos no proceso.
A SOCIEDADE POST-PANDEMIA
E de todo isto, que aprenderemos? Somos de memoria curtopracista ou cambiará o noso xeito de entender a vida? Segundo a psicóloga Concepción Rodríguez, "isto non nos afectará a todos da mesma maneira, uns imos saír máis reforzados e outros imos saír máis afectados dependendo de como viviramos a corentena". Con todo, vaticina que se producirán cambios globais. "Quizais", di, esa "consciencia do outro" vaia quedar na nosa maneira de ser de cara ao futuro. "Espero que sexa aproveitado e utilizado", desexa.
Tamén Beatriz Guerra é positiva neste sentido. "Creo que nos daremos conta de que temos que vivir unha vida máis lenta. Estamos contemplando as cidades sen unha nube de contaminación enriba e os animais e a natureza en todo o seu explendor; penso que reflexionaremos", fala. "Seremos unha sociedade máis concienciada".
Porén, se nos retrotraemos ás grandes traxedias que sufriu a humanidade con anterioridade, estas "non garantiron un cambio de mentalidade cara a consideración do outro, ou mesmo da natureza, por riba dos intereses individuais", fala Vanessa Rodríguez. Por iso, considera que a pesar de que este confinamento pode chamar polos cambios no noso sistema de valores, "é dificil que non volva mudar unha vez que cambie a nosa sociedade". Aínda así, prefire ter unha "mirada positiva" e pensar que "algo do vivido deixará un pouso que nos axudará a valorar cousas ás que antes non dabamos importancia ou relativizar outras".
A DISTANCIA MARCARÁ AS NOSAS RELACIÓNS SOCIAIS
Os paseos, a conexión coa natureza, o contacto físico cos seres queridos... adquiren neste tempo novos significados. Mais haberá que ir "con precaución" no regreso ás relacións sociais. "Estarán marcadas pola distancia, sentirémonos inseguras e supoño que empregaremos o humor para lidiar con situacións incómodas que poidan xerarse", cre Concepción Rodríguez. A preocupación por un posible rebrote de coronavirus estará presente nos primeiros meses. "Sempre vai quedar ese interrogante de cando virá outro virus".
Quizais para as persoas que xa de por si teñen maiores dificultades para establecer contactos sociais, esta 'nova normalidade' da que tanto se fala sexa complicada de xestionar. "Haberá persoas que se volquen ao frenesí de quedadas, celebracións e contactos sociais continuos e haberá outras que irán con máis calma, quizais por medo ou simplemente por necesitar doutros tempos e outros ritmos", augura Vanessa Rodríguez. "Aquí o importante é escoitarnos, darnos tempo e dar tempo aos outros para irnos regulando segundo as necesidades de cadaquén", remata.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.