Política Social facilitará que os familiares de residencias presenten denuncias na propia consellería

A conselleira Fabiola García declarou que actualmente "o 100 por cen das residencias de maiores está tutelada" por Galicia e lamentou que "se use unha pandemia para emprender unha causa xeral contra todas as residencias de Galicia".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/05/2020 | Actualizada ás 18:22

Comparte esta noticia

A conselleira de Política Social, Fabiola García, avanzou que o Goberno galego tramitará en próximos días unha nova orde que ten como obxectivo reforzar o labor inspector nas residencias de maiores. Así, as persoas usuarias das residencias e as súas familias poderán presentar directamente as queixas e denuncias ante a consellería, co obxectivo de dar resposta.

Díxoo en resposta a preguntas formuladas polos grupos da oposición na sesión da Deputación Permanente que tivo lugar este mércores, na que a conselleira tamén lembrou o labor inspector no que vai de lexislatura e na que defendeu a xestión da Xunta nesta crise sanitaria. Ademais, lamentou o número de falecidos que houbo nas residencias de maiores, pero defendeu a actuación con "transparencia" do departamento que ela dirixe e a intervención no 100 por cen dos centros.

Esta iniciativa súmase, dixo, á posta en marcha de campañas específicas para asegurar que as residencias respectan o patrimonio dos usuarios e o cumprimento dos prezos estipulados, para que nos e facturen como "extra" cuestións de forma "indebida".

Fabiola García indicou, así mesmo, que o plan de inspección para 2020 prevé realizar máis de 1.500 controis a centros de servizos sociais, un 20 por cento máis das programadas o ano anterior. No que vai de lexislatura, e ata o inicio da pandemia, abríronse 33 expedientes sancionadores a residencias de maiores e pechado dous centros. Durante este tempo, os inspectores acudiron a 37 centros e incoaron catro expedientes sancionadores.

A conselleira defendeu que Galicia "pelexou moito" e que o Goberno "non estivo" aínda que se lle "esperou" e "aínda o están esperando", e censurou que "fixo abandono de funcións" nos "dous únicos centros" cos que conta en Galicia, en Bergondo e outro en Ferrol. "Houbo máis promesas incumpridas que respostas", lamentou.

As respostas da conselleira viñeron despois de que a deputada Luca Chao (Común da Esquerda) censurase a xestión da Xunta e lamentase que "non se desculpe por privatizar" estes centros. Ademais, a deputada acusouna de ir ao Parlamento cun "disfrace de xestor frío e insensible" e criticoulle que "non asumise responsabilidades políticas" polo ocorrido nas residencias de maiores, en que se concentrou o maior foco de contagios en Galicia.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, cuestionou a "anticipación" da que fixo gala a conselleira. "Se se anticiparon, explique que pasou", dixo, antes de preguntar polos datos de cada unha das residencias e de pedir que "deixe de confrontar co Goberno de España". "Ten plenas competencias en servizos sociais", recriminoulle.

Noutra pregunta, a deputada do BNG Montse Prado afeoulle que "non interviñese todas as residencias" desde o inicio, ao que a conselleira respondeu aludindo a que se reforzaron con 1.013 traballadores que "acudiron á chamada da Xunta e puxéronse a traballar" procedentes doutros servizos.

Ademais, remarcou que actualmente "o 100 por cen das residencias de maiores está tutelada" por Galicia e lamentou que "se use unha pandemia para emprender unha causa xeral contra todas as residencias de Galicia".

0,7 POR CENTO

Doutra banda, a deputada do PP preguntou pola repartición de fondos sociais do 0,7% do imposto sobre a renda das persoas físicas. Neste sentido, Fabiola García sinalou que o Executivo recoñeceu que Galicia é unha do nove comunidades que "recibe menos diñeiro do que lle corresponde" da asignación destes fondos.

Na proposta de repartición para este ano, Galicia "é a única que só actualiza os seus fondos nun 0,9%, o correspondente á inflación, fronte ao 15,2% da media que recibirán o resto", expuxo a conselleira, que, como xa dixo a semana pasada, está a barallarse presentar unha cuestión de constitucionalidade.

Fotos Xunta Politica Social Parlamento. Xunta de Galicia
Fotos Xunta Politica Social Parlamento. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta