A presenza en bases de brigadas antiincendios será graduada para evitar contaxios por coronavirus

Sindicatos demandan melloras nos protocolos para que a pandemia non afecte o persoal de loita contra o lume.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/05/2020 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

A Xunta establece a posibilidade de graduar as entradas de brigadas e motobombas para evitar as aglomeracións de traballadores nas bases de persoal antiincendios, nunha cadencia que se poderá adecuar por distrito.

Brigada sube a helicóptero antilumes da Xunta nunha imaxe de Inaer.
Brigada sube a helicóptero antilumes da Xunta nunha imaxe de Inaer.

Esta é unha das novidades nos protocolos do persoal de loita contra o lume para a campaña deste ano, co obxectivo dunha maior prevención contra a pandemia do coronavirus. Así, establécese que o máximo de brigadas por base sexan catro, pero búscase que non coincida máis dunha á vez en espazos como vestiarios.

Con todo, sindicatos explican que, aínda que valoran o esforzo para a posta en marcha de protocolos, demandan melloras para evitar contaxios. Entre outras cuestións, botan en falla que se realicen probas PCR aos profesionais.

Este venres celebrouse un último encontro de varias horas coa Consellería de Medio Rural, no cal as centrais trasladaron as súas alegacións, a falta de que haxa un documento pechado para a próxima semana.

O traballo sobre o terreo comezará este luns, 18 de maio, aínda que se atrasará nos distritos se é necesario ata que se conte coa formación adecuada e o material de protección necesario.

VISIÓN DOS SINDICATOS

Carlos Hermida (CC.OO.) critica que esta negociación tería que comezar con maior antelación. Entre outras cuestións, lamenta que non se vaia permitir o teletraballo para tarefas de oficina, así como a ausencia de limitación de persoas en puntos de vixilancia e bases helitransportadas.

Pola súa banda, Marcos Rodríguez (UGT) tamén observa deficiencias como non evitar que haxa unha rotación entre diferentes brigadas, xa que pode carrexar unha maior propagación do virus. Hai un máximo de catro persoas por vehículo, polo que se hai un quinto compoñente pode pasar a incorporarse a outra brigada, o que, ao seu xuízo, incrementa o riscos.

Nesta liña, Juan Carlos Rivas (CSIF) mostrou o rexeitamento deste sindicato ao protocolo ao "non atenderse" varias das súas reivindicacións. Censura que se obrigue a facer traballo presencial a profesionais vulnerables á COVID-19 —maiores de 60 anos ou con patoloxías previas—, a pesar de non contar cun informe do servizo de prevención de riscos.

Con todo, a Xunta trasladará no próximo Centro de Coordinación Operativa (Cecop) a posibilidade de axilizar unha resposta á situación do persoal vulnerable.

CSIF tamén reprocha que non hai unha contestación "clara" respecto dos traxes dos traballadores. A recomendación para previr contaxios é que se laven a 60 graos, aínda que na etiqueta pon que non deben lavarse a máis de 40 graos. Tras unha consulta ao fabricante, a Xunta informou de que non hai risco de que se perdan as súas propiedades ignífugas, pero o sindicato afirma que a proba realizada con "cinco lavados" non é suficiente.

En cambio, Manuel Martínez (CIG) pon en valor que "houbo avances" no encontro deste venres, aínda que "hai que velos implementados". Agradece que "todo o mundo" vaia a estar formado e conte cos equipos adecuados. Asegura que os traballadores terán uns protocolos "bastante garantistas", aínda que "todo é mellorable".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta