Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/05/2020 | Actualizada ás 11:18
A canle de comercialización de produtos agrarios galegos 'Mercaproximidade', posto en marcha pola Xunta, deu saída ao excedente de pataca da Limia que quedara almacenada pola emerxencia sanitaria. Segundo especificou o Goberno galego, esta fórmula de venda alternativa conseguiu mobilizar "máis de tres millóns de quilos de tubérculo dos catro millóns depositados nos almacéns" ao comezo do estado de alarma.
Así o explicou o conselleiro de Medio Rural, José González, que mantivo este luns unha reunión por videoconferencia con membros da Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal). Curiosamente, no inicio da pandemia, os produtores da Limia pediron axuda aos consumidores para vender as súas patacas, pero, pouco despois, as súas patacas acabaron nas grandes superficies.
Durante o encontro, o conselleiro aproveitou para agradecerlles "o seu labor nestes tempos de dificultades" á hora de garantir o abastecemento de alimentos, así como a súa solidariedade, xa que parte da pataca mobilizada pola entidade foi doada con fins sociais.
A maior parte dos máis de tres millóns de quilos de pataca da Limia aos que deu saída Mercaproximidade foron comercializados polas dez cadeas de distribución que se sumaron á rede, as principais que operan en Galicia. A maiores, efectuáronse compras para abastecer hospitais, cociñas económicas, bancos de alimentos e entidades sociais do conxunto de España.
En concreto, "a Xunta doou case 133 toneladas" de tubérculo para os menús dos centros sanitarios e das familias máis vulnerables nesta crise. Ás outras empresas que compraron tamén pataca para entidades sociais hai que engadir, a maiores, as máis de 160 toneladas cedidas por un produtor de Adegal, de maneira desinteresada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.