Solución pública para Alcoa

A decisión da multinacional Alcoa de pechar na vila mariñá de San Cibrao a única fábrica de aluminio primario de Galicia- e da península ibérica- supón a perda de 534 postos de traballo directos e uns 280 indirectos, con gravísimos efectos a respecto de milleiros de familias na Mariña toda.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 01/06/2020

Comparte esta noticia
Pensemos que o complexo de Alcoa (que integra esta fábrica coa moi rendíbel de alúmina que seguirá a traballar) supón o terzo do PIB da provincia de Lugo. Unha catástrofe económica para a bisbarra mariñá e para todo o Norte de Galicia.
 
Desque chegou á Moncloa-hai xa dous anos-, o Goberno Sánchez non foi quen de aprobar un estatuto para a industria electrointensiva que reduza o elevadísimo custo da enerxía eléctrica para estas actividades. Na Galicia exportamos case o 40% da enerxía que producimos, sofrindo os seus custos ambientais e paisaxísticos. A falla de rendibilidade da fábrica de aluminio de Alcoa subvenciona o consumo doméstico do barrio de Salamanca e do resto de barrios de Madrid.
 
Canto á Xunta, Feijóo segue a facer o que mellor sabe: botarlle a culpa aos demáis, demitindo das súas responsabilidades como presidente deste País. Mentres o president Torra está a abrir negociacións directas cos directivos da Nissan no Xapón, o dos Peares renunciou interpelar aos directivos norteamericanos de Alcoa. Como xa dixo cando se declarou o estado de “alarma” canda a pandemia da Covid-19 “é un problema do Goberno central”.
 
Mais non haberíamos esquecer á principal responsábel, que é a propia Alcoa. Unha multinacional que pecha a fábrica de aluminio de San Cibrao porque no contexto do oligopolio mundial élle moito máis rendíbel producir noutros lugares do mundo. Mais neste contexto ao mellor non matinou en que no novo paradigma europeo postpandemia é factíbel asumir o control estatal en empresas estratéxicas. Para Alcoa producir aluminio en San Cibrao pode non ser moi rendíbel, mais non  ser viábel outro actor internacional producindo aluminio dende San Cibrao?
 
Velaí que a proposta de estatalización desta actividade produtiva, formulada polo BNG, CIG, UGT e CC.OO. semella unha solución merecente de fondo estudo, tendo en conta que sería posíbel pór recursos enriba da mesa, como os 38 M€ achegados en axudas públicas á multinacional nos últimos anos para o mantemento dos postos de traballo e máis o orzamento de indemnización extintiva dos traballadores e do propio peche físico.
 
É urxente estudar unha solución pública que incorpore Alcoa ao sector público estatal, coa participación da Xunta no órgano de administración. Mais priorizando unha xestión profesional, mesmo percurando un socio privado industrial que poida viabilizar a fábrica de aluminio primnario de San Cibrao no contexto dos mercados internacionais.  
 

Membros do Comité de Empresa de Alcoa San Cibrao falan á saída da reunión no Restaurante Os Carballos entre o Comité e a directiva da multinacional estadounidense tras o anuncio do despedimento colectivo a 28  de maio de 2020.. Carlos Castro - Europa Press
Membros do Comité de Empresa de Alcoa San Cibrao falan á saída da reunión no Restaurante Os Carballos entre o Comité e a directiva da multinacional estadounidense tras o anuncio do despedimento colectivo a 28 de maio de 2020.. Carlos Castro - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.