En Marea di que o Ingreso Mínimo Vital é "insuficiente" e coincide co PP e BNG en que o xestione a Xunta

Pontón asegura que a súa proposta para esta axuda é "complementalo".

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 02/06/2020 | Actualizada ás 12:14

Comparte esta noticia

En Marea súmase ás voces que reclaman para Galicia, igual que Euskadi e Navarra, a xestión do Ingreso Mínimo Vital. Unha posición na que coincide con PPdeG e BNG. No entanto, a formación ve nesta prestación "unha cantidade ridícula" e "insuficiente" e aposta por convertela nunha "renda universal".

Pancho Casal, deputado de En Marea. EN MAREA  - Arquivo
Pancho Casal, deputado de En Marea. EN MAREA - Arquivo

Así o trasladou nunha rolda de prensa telemática a integrante do Consello das Mareas Eva López, quen dixo que aínda que "en principio" o Ingreso Mínimo aprobado o venres en Consello de Ministros parécelles "necesario", ten certas "limitacións".

En Marea avoga por facer desta prestación unha verdadeira renda "universal" e que sexa "un dereito humano". Neste sentido, López lamentou que a iniciativa do Goberno central "non serve para loitar contra a pobreza, senón máis ben para atallar a pobreza máis extrema".

"Non é universal e non é unha medida realmente de xustiza social e de redistribución da riqueza", engadiu, quen ademais criticou que vaia "condicionada" a itinerarios de inclusión laboral. "A xente vai ter que cumprir ese itinerario e neste sentido continúa sendo igual que outras medidas que xa existen nas comunidades autónomas", explicou, en referencia, por exemplo, á renda de inclusión social de Galicia (Risga), que non se percibe como un dereito".

Así mesmo, o membro de En Marea lamentou que o Ingreso Mínimo Vital "tampouco é individual" nin permite "romper con outra pandemia" que afecta a España como é "a violencia de xénero", posto que "ten carácter familiar".

BNG

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que é necesario "transferir ás comunidades autónomas o Ingreso Mínimo Vital (IMV)" e que no caso de Galicia o seu "compromiso é complementalo para facelo máis elevado". Estas manifestacións realizounas a tamén candidata do BNG á Presidencia da Xunta nunha visita en Fene, lugar no que se reuniu cos traballadores da empresa Noa Madera Creativa, onde uns 160 están ameazados coa aplicación dun ERE extintivo e un ERTE temporal durante quince meses.

"Nós ao que aspiramos é a ter un país con emprego de calidade para que ningunha persoa teña que recorrer ao Ingreso Mínimo Vital, xa que a fortaleza e a clave dun país é reducir ao máximo o número de persoas que teña que acudir a este tipo de medidas", sinalou.
En declaracións aos medios de comunicación na comarca de Ferrolterra, Pontón incidiu en que "o mellor que lles pode ocorrer aos galegos é que cada vez menos persoas teñan que acudir a estas fórmulas ou á Risga (Renda de Integración Social de Galicia)".

"É que o que temos é pobreza e o que temos que garantir é un emprego digno, cun Goberno que estea a pensar en como darlle un futuro á xente deste país, algo que non se lle dá cando se mira para outro lado, cando se ten un conflito como o que hai nesta empresa ou cando temos máis de dous mil postos de traballo en risco na comarca da Mariña, en Alcoa", reivindicou.

Por outra banda, Ana Pontón referiuse -a proposta realizada pola súa formación política para "ter un debate a dobre volta de cara ás próximas eleccións", en alusión aos comicios ao Parlamento de Galicia previstos para o 12 de xullo. Segundo comentou, esta proposta fíxolla chegar ao Partido Popular para "trasladarlles" aos galegos que propostas teñen "para sanidade, educación ou para a clase traballadora". "Pero non hai resposta ante esta proposta porque é evidente que Núñez Feijóo quere escapar dos debates, porque sabe que o balance deste once anos son un auténtico desastre", afirmou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

¿Pode un cargo público bloquear unha conta crítica nas RR.SS? https://twitter.com/00Gamela/status... Aínda que esta enquisa fala de Vigo, non debemos esquecer a Eva Solla, Carmen Santos, Rubén Pérez e outros que teñen a manía de darlle ao botón do pánico cando alguén formula preguntas incómodas ! Obrigado (que díria Nestor Rego)