Misión Oxalá!... a nova misión da Axencia Espacial Escolar Galega

Tras a crise da Covid-19 xa traballan no lanzamento do “MarumaSat V”.

Por Galicia Confidencial | Vila de Cruces | 03/06/2020 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

A Axencia Espacial Escolar Galega – A NOSA-  viuse obrigada a cancelar neste ano o lanzamento da sonda “Marumasat” , que ía celebrarse no marco da “Misión 360” e prevista para este mes de maio. Porén, a non realización do lanzamento non supón un parón na actividade da Axencia, e os aprendices de astronautas e os seus mestres non perderon o tempo e decidiron lanzar outro proxecto: a Misión Oxalá!.

Debuxo dun cativo de Poio seleccionado pola Axencia Espacial Europea para ser enviado ao espazo  a bordo do satélite astronómico CHEOPS
Debuxo dun cativo de Poio seleccionado pola Axencia Espacial Europea para ser enviado ao espazo a bordo do satélite astronómico CHEOPS | Fonte: ESA.

Trátase dunha cápsula audiovisual en substitución da real e levada a cabo por alumnado do IES Miraflores (Oleiros), o CPI O Cruce (Cerceda), o IES Maruxa Mallo (Ordes), o IES Arcebispo Xelmírez II (Santiago de Compostela) e o IES Marco do Camballón (Vila de Cruces). Trátase dun vídeo, composto por textos realizados por alumnado dos devanditos centros, que recolle as sensacións despois de semanas de confinamento e os desexos de que a normalidade se recupere axiña.

“Dende a NOSA, con esta Misión Oxalá, agardamos o mellor para o conxunto da sociedade. E que oxalá a nova normalidade nos permita recuperar aquilo que tanto desexamos”, apuntan nun comunicado. A Axencia continúa traballando xa para pór en marcha novas actividades e facer real o lanzamento ao espazo da “MarumaSat V”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta