Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 03/06/2020 | Actualizada ás 21:50
Sancións de entre 100 e 500 euros. Esa é a multa á que se enfronta a veciñanza de Pontevedra que non respecte a Lei 4/17 de Protección e Benestar de Animais de Compañía e non recolla a merda dos seus cans da vía pública.
Unha lei coa que están sensibilizados animalistas e amantes dos cans, pero non algún propietario destes animais. Por iso, voceiros e cans das asociacións protectoras Os Palleiros, Adopcións Galicia e Galgos 112 e o equipo creativo de Polo Correo do Vento (Enrique Mauricio, Carlos Taboada e a ilustradora Tania Solla), acompañados polos concelleiros de Benestar Animal e Desenvolvemento Sostible, Paloma Castro e Iván Puentes, presentaron a campaña ‘Non fagas o avión’.
“Ter unha mascota implica unha gran responsabilidade ética e cívica. Existe entre algúns unha especie de uso e costume segundo o cal os cans poden deixar deposicións ou mexar en calquera parte e temos que reverter esta normalización duns actos que son ilegais”, subliña a concelleira socialista Paloma Castro. Os carteis da iniciativa ‘Non fagas o avión’ serán instalados en diversas zonas verdes de Pontevedra
O tamén edil socialista Iván Puentes lembrou que o modelo de cidade de Pontevedra subliñou que a intención deste Goberno local é crear unha rede de parques caninos ao longo da cidade, o primeiro dos cales ocupará unha parcela de aproximadamente 4.300 metros cadrados nos antigos terreos de Tafisa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.