Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/06/2020 | Actualizada ás 22:00
A Xunta utilizou fondos públicos de todos os galegos para pagarlle o salario durante dous meses e medio a altos cargos que irán nas listas do PPdeG. Ese foi o tempo que Alberto Núñez Feijóo decidiu rescatar a 12 persoas da súa confianza que foran cesados para ir nas listas das eleccións de abril e que foron, novamente, reincorporados en plena crise do coronavirus.
Precisamente, e cando a situación económica é únha das peores que se lembra en Galicia e con milleiros de familias ás portas da pobreza, Feijóo decidiu rescatar a estes altos cargos e pagarlle salarios mensuais que rondan os 5.000 euros brutos. Deste xeito, e tras dous meses e medio, o Goberno galego tería destinado 150.000 euros para pagarlle o diñeiro a estas políticos que van nas listas do PPdeG para os comicios do 12 de xullo.
Foi no Consello do pasado 28 de febreiro cando Feijóo anunciaba o cese deste altos cargos por ir nas listas do seu partido aos comicios. Tras a crise do coronavirus, e sen que pasara aínda un mes, o 20 de marzo, Feijóo volveu nomealos para os seus antigos postos. Desde entón, pasaron dous meses e medio nas que, en circunstancias normais, estas persoas terían que estar no paro como milleiros de galegos en plena crise.
Os salarios destes cargos de máxima confianza de Feijóo roldan entre os 63.879,28 € anuais que cobra Borja Verea, secretario xeral técnico da Consellería de Economía ou os 59.750 euros que cobra Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral de Emigración. Cobraron durante dous meses e medio case cinco veces máis que o salario mínimo interprofesional, que é de 13.300 euros.
CARGOS CESADOS POR SEGUNDA VEZ
Concretamente, os cargos que foron cesados por segunda vez son os delegados territoriais da Xunta: Corina Porro (Vigo), Marisol Díaz Mouteira (Ourense); que xa foran colocadas como número dous e número 1 polas provincias de referencia, respectivamente; xunto a Ovidio Rodeiro (A Coruña), José Manuel Balseiro (Lugo) e José Manuel Cores Tourís (Pontevedra).
Tamén deixan os seus cargos na Xunta Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral de Emigración; Nava Castro, directora de Turismo de Galicia; Silvestre José Balseiros, director xeral de Gandaría; Marta Fernández Tapias, á fronte da Dirección Xeral de Administración local; Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade; e Borja Verea, secretario xeral técnico da Consellería de Economía.
Finalmente, tamén é cesado, para ir nas listas do PPdeG, un dos homes de confianza do presidente, Álvaro Pérez López, secretario xeral de Presidencia.
Na rolda de prensa posterior ao Consello deste venres, o mandatario autonómico agradeceu a "dispoñibilidade" de todos eles para incorporarse de novo á Administración autonómica tras a suspensión dos comicios do 5 de abril.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.