O erro Pérez de los Cobos

O meirande erro do ministro Grande-Marlaska foi manter o coronel Pérez de los Cobos no seu cargo cando accedeu en xuño de 2018 ao Ministerio, o mesmo que fixo co resto da equipa do ministro Juan Ignacio Zoido nos postos máis salientábeis do cumio da Policía Nacional (PN) e da Garda Civil (GC). Mesmo mantivo moi boa parte da equipa da chamada “policía patriótica” (inserida no seu día na Dirección Adxunta Operativa-DAO- da PN) até cando menos o verán de 2019.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 07/06/2020

Comparte esta noticia

Neste contexto, é evidente que o cesamento do coronel é outro grave erro, pola súa evidente conexión co seu rexeitamento a dar conta dunha información da que non debería dispor, pois que o capitán-xefe da policía xudicial operante no traballo da pericial requirida polo Xulgado de Instrución nº 51 de Madrid nas pescudas a respecto da relación entre o Delegado do Goberno e a demostración do 8-M dependía só desta xuiza ao abeiro do artigo 125 da Constitución. Porén, esta dependencia xudicial non xustifica a parcialidade e graves inexactitudes da devandita pericial. Mais esa é outra historia.

O coronel da Garda Civil Diego Pérez de los Cobos
O coronel da Garda Civil Diego Pérez de los Cobos | Fonte: EFE

Porque agora abrollararon dous problemas. En primeiro lugar, a existencia dunha cadea de mando na GC (coroneis e xenerais retribuídos con grande soldos, moi superiores aos dos comisarios e comisarios principais da PN) que reivindica a súa autonomía fronte ao Goberno do Estado, sen dúbida por se considerar parte dunha elite funcionarial integrante do poder real ou deep state . Mais tamén abrollou o xogo ambivalente do PSOE, que usou desta cadea de mando cando lle pareceu rendíbel, ao longo de todos os seus gobernos dende 1982.

Pérez de los Cobos presentouse de camisa azul falanxista nun cuartel da garda civil o 23-F de 1981 para apoiar a enxurrada golpista. Foi absolto por falla de probas dunha moi grave acusación por torturas na Euskadi de 1992 ( no xuizo foron condenados tres dos seus compañeiros) e dirixiu o dispositivo de represión do Ministerio do Interior contra o referéndum catalán do 1-Ou de 2017, que causou 1066 feridos e tivo de ser detido, contra as 15-16 h., por Mariano Rajoy diante do rexeitamento amosado pola chancelera alemá Angela Merkel. No xuizo dos soberanistas cataláns perante o Tribunal Supremo estatal construiu un relato abertamente parcial en contra dos presos políticos, incompatíbel coa documental achegada no caso, nomeadamente as ducias de videos dos incidentes ocorridos.

Se a esquerda española pensa que xente como Pérez de los Cobos ten oco nun seu Goberno teñen un problema moi grave. E amosa ser  pouco confiábel.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.