Alcoa: dous gobernos inoperantes

O xornalista galego José Luis Gómez ven de explicar a xeito que o problema do proxectado peche da factoría de aluminio primario de Alcoa non é só- nin nomeadamente- un problema de tarifa eléctrica, senón unha decisión que xurde da nova fasquía de Alcoa dende o 2014, orientada estratéxicamente cara a fabricación de motores para a industria aeroespacial e alúmina

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 14/06/2020

Comparte esta noticia

Velaí que queira pechar a fábrica de aluminio de San Cibrao como pechou outras catorce no mundo. Mais quere manter a fábrica de alúmina (moito máis intensiva, por certo, no uso da enerxía eléctrica) e o uso excluínte dun porto público-o mariñao de San Cibrao-.

O eventual peche da fábrica de aluminio primario en San Cibrao xeraría un problema ambiental moi grave por mor da súa balsa de lodos vermellos, de 87,42 ha. de capacidade e xa case chea. A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) ven de denunciar os gravísimos riscos para a vida humana e animal, para o ambiente natural próximo e máis para as actividades acuícolas que se desenvolven na veciñanza.
 
Para máis, Alcoa recibiu nos últimos anos 38 M€ de subvencións públicas que poderían serlle reclamadas de volta no caso de pecharen a devandita fábrica de aluminio primario.

Con todos estes dados o Goberno do Estado semella non se decatar do contexto e non tira proveito das súas armas: uso excluínte por Alcoa do porto público para a súa actividade esencial de produción de alúmina, reclamación dos 38 M € achegados en axudas públicas e busca de socio industrial para unha estatalización viábel no novo marco xurídico da Unión Europea.

Pola súa banda, a Xunta de Núñez Feijóo semella non se decatar da forza que habería facer co eventual incumprimento ambiental de Alcoa. Tampouco que Alcoa podería ser suxeito esencial do Consorcio aeroespacial que se quere desenvolver (semella, tamén que sen alicerces estábeis) a medio da estrutura física de  Rozas-Lugo e da titulación universitaria da Uvigo no campus de Ourense.  Nin das posibilidades xurídicas de nacionalización dende as competencias industriais do Goberno galego.

Dende o coñecemento do contexto económico amosado polo xornalista José Luis Gómez e do contexto xurídico (europeo, estatal e estatutario galego) reflectido nas recentes manifestacións do profesor da UDC Carlos Aymerich, semella que a proposta de máximos do conxunto da sociedade mariñá e do BNG, UGT, CC.OO e CIG é a única viábel. E que os Gobernos galego e do Estado, dende a súa inoperancia industrial a respecto do problema de Alcoa, constitúen arestora parte do problema.

Certo tamén que a adicional inoperancia do Goberno do Estado a respecto do estatuto da industria electrointensiva é fulcral para a sobrevivencia de Ferroatlántica, Megasa e outras varias industrias galegas. Mais ésta é outra historia.

Un participante da manifestación do comité de empresa de Alcoa leva un cartel no que se le 'Despedimentos non' xunto á queima duns pneumáticos tras o anuncio hai tres días do despedimento. En Ribadeo (Lugo
Un participante da manifestación do comité de empresa de Alcoa leva un cartel no que se le 'Despedimentos non' xunto á queima duns pneumáticos tras o anuncio hai tres días do despedimento. En Ribadeo (Lugo | Fonte: Galicia) a 31 de maio de 2020.. Carlos Castro - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.