SOS Sanidade Pública pide á Xunta que recupere a actividade sanitaria ordinaria en Pontevedra

Considera que "o diñeiro público debe destinarse a fortalecer a sanidade pública" e avisa de que "os recortes e as privatizacións matan".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2020 | Actualizada ás 14:28

Comparte esta noticia

A Plataforma SOS Sanidade Pública de Pontevedra convocou unha concentración para o xoves 25 de xuño, ás 20,30 horas, diante do Hospital Provincial para esixir que se recupere a actividade sanitaria ordinaria. Ás persoas que queiran participar pediranlles que acudan con máscara e, ademais, vixiarán que se garde a distancia de seguridade.

Así o explicaron este mércores en rolda de prensa os portavoces dos diferentes colectivos integrados nesta plataforma, que comentaron que se mobilizan agora "porque a crise non está superada" e fai falta "recuperar a actividade sanitaria ordinaria" que, ao seu xuízo, foi "abandonada durante estes meses".

Ao mesmo tempo, advirten por parte de SOS Sanidade Pública da necesidade de que o sistema sanitario se prepara ante a posibilidade dun rebrote da COVID-19. O presidente da Federación de Asociacións de Veciños Castelao, Manuel Loureiro, citou entre as reivindicacións que impulsan a SOS Sanidade Pública a mobilizarse o rexeitamento ao peche de camas no Hospital Montecelo durante o verán.

Ademais, destacou que "o persoal sanitario non necesita" o seu aplauso, senón "un trato digno, protección e condicións laborais dignas", dixo este dirixente veciñal. Esta plataforma insistiu na necesidade "agora máis que nunca" dunha "sanidade pública e de calidade".

Na rolda de prensa estes portavoces acusaron de "mentir" ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. "Do peor da crise da COVID-19 non nos salvou Feijóo, como el di, salvounos o confinamento, o traballo do persoal sanitario e o illamento de Galicia", aseguraron.

RESIDENCIAS

Outro dos motivos polos que convocan esta manifestación de protesta radica en que "en moitas residencias de maiores houbo medo, horror e morte", sinalaron, polo que esixirán que estes centros sexan "de xestión pública e con asistencia sanitaria pública e sen discriminacións", indicaron.

Finalmente, subliñaron que "o diñeiro público debe destinarse a fortalecer a sanidade pública e non a enriquecer aos investidores privados" xa que, advertiron, "os recortes e as privatizacións matan".

Peresonal dun centro de saúde da Coruña concéntrase para reivindicar melloras en Atención Primaria.. CEDIDA SOS SANIDADE
Peresonal dun centro de saúde da Coruña concéntrase para reivindicar melloras en Atención Primaria.. CEDIDA SOS SANIDADE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta